O Correo de Bergantiños

Cabana comeza a campaña de trampeo contra as velutinas

A veciñanza pode solicitar, de xeito gratuíto, un dispositivo e un litro de líquido repelente // O Concello instalará trampas no CEIP As Revoltas, parques e áreas deportivas

  • 07 mar 2021 / 16:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Cabana de Bergantiños comezará a semana que vén a campaña contra a avespa velutina coa instalación de 80 trampas en espazos públicos de todo o municipio. A veciñanza poderá solicitar de xeito gratuíto un dispositivo de captura e un litro de líquido repelente a través de www.cabana.gal ou das redes sociais do Concello.

A partir do luns, 8 de marzo, colocaranse os primeiros dispositivos de captura en zonas próximas a antigos niños e áreas verdes, sobre todo onde haxa camelias, onde proliferan este tipo de insectos invasores. O obxectivo da iniciativa é reducir o máximo posible a poboación de avespas velutinas, que acaban de espertar do seu letargo invernal, e que permanecerán especialmente activas durante os meses de marzo, abril e maio. As persoas interesadas en unirse á campaña de trampeo poderán solicitar un dispositivo e un litro de líquido repelente por fogar ata o vindeiro 31 de maio. Unha vez recibidos, deberán dar conta do número de raíñas capturadas cada 15 días para poder controlar a evolución do programa. Os apicultores e apicultoras do municipio tamén poderán solicitar trampas ou repelente adicional para os seus terreos.

O alcalde, José Muíño, destacou a importancia da iniciativa “para diminuír os efectos da praga de avespas asiáticas no entorno do noso concello, que nestas datas comeza a causar cuantiosos danos nas explotacións apícolas e que incluso chega a supoñer un risco para a veciñanza”. Desde o Concello insisten na importancia de situar as trampas en árbores con flores ou zonas próximas a antigos aniñadoiros das avespas. No caso de ter algunha dúbida na instalación ou na solicitude dos dispositivos e dos repelentes, ponse a disposición o número de teléfono 618 747 376.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.