O Correo de Bergantiños

Cabana crea un centro para recibir aos usuarios das rutas turísticas

Permitirá impulsar o turismo sostible no esteiro do Anllóns e na comarca bergantiñana

  • 04 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Caban. O Concello de Cabana vén de rematar as obras nas novas instalacións do centro BTT e de recepción de roteiros turísticos, un proxecto financiado a través dunha subvención de Turismo de Galicia de 30.000 euros.

Trátase dunha infraestrutura que permitirá impulsar o turismo sostible no esteiro do Anllóns, no municipio e no resto da comarca. O alcalde, José Muíño, explicou que se trata dunha “grande intervención” que permitirá “que todas as persoas que se acheguen a Cabana para gozar do espectáculo do esteiro do Anllóns ou doutros emprazamentos paisaxísticos conten cun punto onde recibir información, asesoramento e acubillo na súa viaxe”.

Esta actuación inclúe a rehabilitación total dun edificio situado na contorna da praia do Pendón e o albergue. Este inmoble, antigos vestiarios do campo de fútbol, presentaba un mal estado de conservación que quedou corrixido co seu acondicionamento interior e exterior. A infraestrutura conta agora con oficina, almacén de material, aseos, duchas e vestiarios a disposición dos usuarios.

A segunda parte do proxecto consistiu na sinalización de catro rutas BTT polas que se dispoñerán carteis e diferentes elementos cos que indicar e diferenciar os percorridos. O centro de recepción é o punto inicial dos itinerarios e funciona como espazo onde poder gardar obxectos persoais e mesmo as bicicletas. Neste sentido, José Muíño destacou que o obxectivo “pasa por seguir a poñer en valor e incrementar o atractivo turístico de Cabana e de toda a comarca promovendo un turismo respectuoso co medio ambiente e sostible”. “O BTT non consiste só en pedalear, senón en desfrutar da ruta e dos espazos polos que circula”, afirmou o rexedor.

“Espazos como o dolmen de Dombate, o castro de Borneiro, o Camiño dos Faros e o propio esteiro do Anllóns merecen unhas infraestruturas á súa altura”, engadiu Muíño. Entre as prioridades do goberno local cabanés, insistiu, está aproveitar ao máximo o auxe do gusto “pola terra e polo rural”.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.