O Correo de Bergantiños
Emprendedor. Borja Bello Blanco creou por San Xoán o seu taller e xa oferta unha ampla lista de variedades // Confía en poder espallar o negocio máis aló de Galicia TEXTO Lorena Rey

Carballés, trotamundos e tamén artesán dos licores

  • 08 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

De estudar Audiometría e traballar diso unha tempada a crear o seu propio taller de licores artesanais. Isto é algo que experimentou Borja Bello Blanco, tras anos viaxando polo mundo. Todo comezou alá polo ano 2008. Un amigo seu, tamén residente en Carballo, marchaba para Holanda e tomou a decisión de ir con el. Ningún dos dous falaba inglés. “Recordo que decidimos entrar nun restaurante chamado Pata Negra para ver se nos vendían uns bocadillos e algo para beber. Caémoslle ben ao xefe e contratounos”, recorda. Borja comezou fregando pratos e co paso do tempo foi ascendendo e aprendendo do oficio de hostaleiro.

Dende ese momento, o seu foi un non parar. Viviu en Chile, Inglaterra, Barcelona, Lanzarote e Londres, exercendo sempre como cociñeiro.

Durante a súa estancia en Barcelona, no 2015, estivo traballando no Bar Cañete, un local de tapas moi recoñecido no centro da cidade. “Xunto aos meus compañeiros subía nas fins de semana a unha casa rural e colliamos ourego, cogomelos e herba luísa. Un pouco entre risas o xefe díxonos que estaría ben facer un licor de manzanilla, algo moi típico de Lleida”, relata Borja. A partir de aí comezou a mostrar interese polo mundo dos licores e decidiu facer unha viaxe relámpago a Betanzos para conseguir un alambique e levalo para Barcelona. “Comecei a facer experimentos con laranxas que sobraban do almorzo, comprei un estractor Sofxhlet para facer esencias e diversos libros de alquimia e química”, conta. A súa afición polos licores foi a máis ata que xurdiu o novedoso proxecto de elaboración de exquisitos licores: Licores Bello Blanco.

Borja é consciente de que a súa idea é novidosa en Carballo. Hoxe en día é fácil atopar calquera bebida alcohólica que haxa no mercado, pero non pasa o mesmo cun licor artesanal. “Ou coñeces a algunha persoa que o teña na casa ou a un familiar que o faga, ou senón é imposible”, di. De feito recorda que tanto familiares como amigos lle pedían que trouxera licores cando ía de visita a Galicia.

PRIMEIROS PASOs. As obras do taller, sito na Rúa Rosalía de Castro, comezaron a principios do 2020. “Para comprar o alcohol precisas un código especial que marca que estás exento de pagar o imposto no momento en que o compras e que só o pagas á hora de vendelo. Para conseguir ese código precisaba que me fixeran unha inspección das instalacións e xusto coincidiu co primeiro confinamento”, relata. Durante tres meses non puido avanzar nada. Finalmente puido comezar a producir polos arredores de San Xoán. “Isto non é unha cousa que fas e ao día seguinte xa a tes. Precisa dous meses de maceración e despois madurar. Se bebes un licor dun día para o outro non sabe a nada”, explica. O produto está feito con materia prima de calidade cun proceso de elaboración basado no tempo e paciencia e “atendendo sempre a cada detalle”.

Dende un principio fixo licores de todos os sabores que se pasaron pola mente. De manzanilla, té verde, canela, xenxibre, maracuyá, pera, mazá... Agora mesmo ten varias probas para facer entre os que estarán o de mandarina e améndoa.

VENDA ONLine. Tras a primeiras tomas de contacto cos clientes o seu nivel de satisfacción é alto. Moitos foron os que decidiron mollar o paladar cunha selección dos licores de Borja no Nadal. Agora, a costa de xaneiro sumado á terceira onda provocou unha forte caída da venda. O peche actual de bares, cafeterías e restaurantes non axuda a expandir o seu negocio, polo que está enfocado na venda online.

Espera que na primavera a situación mellore e así poder desenvolver a súa idea de negocio inicial: traballar como comercial nos establecementos de País Vasco, Madrid, Barcelona. “Incluso tiña xa algún contacto para fóra de España”, afirma.

Nun futuro, se todo funciona, gustaríalle facer o seu propio brandi. “Sería o máximo ao que podo espirar pero véxoo a moi largo prazo”, recoñece este emprendedor carballés.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.