O Correo de Bergantiños

Carballo xuntará o sábado aos mellores Youtubeir@s galegos do pasado ano

  • 25 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

CARBALLO. Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no Youtube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, celebrará o sábado, día 28 ás 20.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo a gala de entrega dos premios 2022.

Vinte e dúas propostas aspiran a gañar este concurso nalgunha das súas oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. O certame repartirá 7500 euros en premios entre as persoas gañadoras, que tamén recibirán un diploma acreditativo e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

“Para Carballo é unha gran satisfacción celebrar esta gala, xa que os Premios Youtubeiras son unha iniciativa que fomenta o uso da nosa lingua nunha xanela fundamental para comunicarnos, para mirarnos e para mirar o futuro: a creación de contidos na Rede”, sinalou Marcos Trigo, concelleiro de Cultura de Carballo, na presentación da gala, á que asistiron tamén Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras; Cristina Collazo, guionista e presentadora, e Mario Brión (Olaxonmario), gañador do Premio Youtubeira/o en 2021 e membro do xurado.

Trigo tamén puxo en valor “a colaboración institucional entre diversas administracións” na creación, organización e desenvolvemento do proxecto Youtubeiras. Ademais, destacou que os vídeos participantes na primeira edición celebrada en 2017 foron 202, mentres que a cifra subiu até superar os 500 en 2020. Nas dúas últimas edicións, as bases do certame prestaron unha maior atención ás canles, de xeito que en 2021 concorreron 38 canles e no 2022, foron 75.

“Fantástica festa”

Carme Pereiro, coordinadora do proxecto, lembrou que na edición anterior as canles presentadas aglutinaban “2.600 vídeos, máis de 40.000 subscricións e máis de 2.743.000 visualizacións”. “Son números que dan boa conta do volume que acada a comunidade creadora de contidos da nosa lingua na Rede. Unha comunidade que nos enche de confianza no futuro e tamén de orgullo, de fachenda. E non só polas cifras, senón tamén pola calidade dos contidos e o variado das temáticas tratadas. Por iso, este ano os Premios Youtubeiras tiveron na frase Para Rede, a nosa o seu lema, un lema ben enérxico e ben decidido”. Sinalizou ademais que a música na gala correrá a cargo de LaMontagne e PicoAmperio.

A guionista e presentadora Cristina Collazo adiantou que o sábado o Pazo da Cultura acollerá unha “gala dinámica e interactiva” na que o público terá un “gran protagonismo”, na que se fomentará a “participación do patio de butacas” e que estará “chea de sorpresas”. “Teremos como presentadora a Rafaela de Carral, que conducirá a gala ao xeito dun concurso televisivo”. Prometeu que a “gala será unha fantástica festa”. De feito, tras rematar a entrega, no Pazo da Cultura continuará a celebración con petiscos, posadoiro de vídeo 360º graos e música en galego a cargo de DJ Misa.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.