O Correo de Bergantiños

Carballo xuntou a institucións e empresas comprometidas co desenrolo sostible

  • 01 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Congreso Concellos 2030 converteu Carballo nun lugar de encontro, reflexión, debate e aprendizaxe para as institucións e as empresas comprometidas co desenvolvemento sostible. Unha consellería da Xunta, dúas deputacións provinciais, máis de 15 concellos dende Salvaterra de Miño ata Alfoz, o Consorcio das Mariñas, consultoras, compañías dos sectores enerxético ou da construción, estudantes e profesionais encheron durante dous días o auditorio do Fórum Carballo, aínda que as actividades tamén puideron seguirse en streaming a través da páxina de Facebook da Fegamp, que colaborou con Gestagua e o Concello de Carballo na organización.

Ao longo das dúas intensas xornadas de conferencias pasaron polo Fórum Carballo unha ducia de expertos e concelleiros e técnicos responsables das catro áreas de traballo: ciclo integral da auga, xestión de residuos, eficiencia enerxética e mobilidade. Os participantes tiveron a ocasión de coñecer ao detalle aspectos de máxima actualidade e de obrigado cumprimento para os concellos como a novas leis do ciclo da auga e de residuos, que van implicar cambios de gran calado na xestión destes dous servizos públicos.

Tamén se analizaou a política do Concello de Carballo en cada unha desas catro áreas. En canto ao ciclo integral da auga, nos relatorios ofreceronse datos moi contundentes que reflicten o esforzo que vén realizando o concello para achegar os servizos de abastecemento e saneamento á poboación. Con respecto a este último, por exemplo, o representante de Augas de Galicia que participou nas xornadas subliñou que o 95% da poboación do municipio conta xa con saneamento, poñendo en valor unha porcentaxe que se acada en poucos municipios da comunidade autónoma. Pero sobre todo sorprenderon moi gratamente as instalacións que fan que iso sexa posible, xa que o xoves pola tarde realizouse unha visita guiada que incluíu a captación do río Bardoso e a EDAR da Cepeira, entre outras.

No que respecta aos residuos, o tema central do congreso foi a nova lei e todo o que implica a nivel municipal, moi especialmente en canto ao pago por xeración de lixo. Neste sentido, dende o Concello de Carballo lévase anos traballando, como destacou o concelleiro Luis Lamas na súa exposición, na recollida selectiva de bio-residuos para fomentar a compostaxe mediante programas específicos para a zona urbana e a rural. Deste xeito Carballo está a reducir a fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que supón maior custe de tratamento, anticipándose ás obrigas que se aveciñan.

Do mesmo xeito que Carballo foi un concello pioneiro na xestión dos bio-residuos, tamén o foi, como se destacou de xeito reiterado no congreso, na implantación da tecnoloxía led no alumeado público, conseguindo un aforro que é especialmente valorado neste momento, co prezo da enerxía eléctrica disparado. Por este motivo, de

feito, un dos relatorios que máis interese espertou na xornada foi o de Xosé Manuel Golpe Acuña, técnico da FAEPAC, sobre as comunidades enerxéticas locais, unha nova forma de producir enerxía eléctrica na que, a partir de hoxe, probablemente empezarán a traballar tamén os concellos. En materia de aforro enerxético tamén destacou a aposta do Concello de Carballo pola biomasa en edificios públicos e instalacións deportivas, xa que a día de hoxe este combustible está a metade de prezo que o gas, por exemplo.

A mobilidade sostible pechou a xornada do venres e o congreso. Ademais de coñecer os exemplos de Pontevedra e Carballo, interviu Fernando Nebot, un referente internacional en cuestións de mobilidade, que veu reforzar o convencemento de que temos que pensar en vilas e cidades para as persoas, e non só para as que camiñan, senón tamén para as que xogan, as que descansan á sombra ou as que toman un café nunha terraza.

Dende o Concello de Carballo agradecen a implicación de Gestagua na organización do congreso, a colaboración da Fegamp e Ferroser e a participación das máis de cen persoas que pasaron entre o xoves e o venres polo auditorio do Fórum, e agardan que as experiencias compartidas sirvan para seguir camiñando cara un futuro máis sostible.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.