O Correo de Bergantiños

Chequeo á accesibilidade das rúas de Carballo coa Asociación Íntegro

  • 22 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello carballés, coa colaboración da Asociación Íntegro, realizou un novo chequeo á accesibilidade no marco da Semana da Mobilidade. Unha iniciativa que nos últimos anos permitiu identificar obstáculos e poñerlles solución. Ademais das obras de reurbanización integral en 40 rúas, ou da construción de 18 quilómetros de sendas peonís totalmente accesibles, nos últimos anos acometéronse varios proxectos de mellora da accesibilidade urbana mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas. En total realizáronse máis de 300 intervencións (construción de vaos de dúas e tres pendentes, instalación de baldosa podotáctil ou direccional, ampliación de beirarrúas, rebaixes e vaos elevados, entre outras), en boa parte como consecuencia dos chequeos realizados con Íntegro.

Este ano volveron a saír á rúa cun grupo de usuarios e usuarias para, por unha banda, comprobar as obras realizadas na contorna do balneario, e, por outra, examinar zonas nas que aínda non se ten actuado. No percorrido participaron o edil de Mobilidade, Juan Seoane, e a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís.

Dende Íntegro valorouse moi positivamente a actuación no ámbito dos Baños Vellos, tanto dende o punto de vista da accesibilidade como, mesmo, dende o estético. O percorrido incluíu tamén rúas dos barrios da Braña e do Hospital, nas que, aínda que existen rebaixes nas beirarrúas, non se adaptan á normativa actual ou, como no caso da rúa Ecuador, carecen de treitos de beirarrúas por estar incluídas en polígonos urbanos pendentes de desenvolver por parte das persoas propietarias. O Concello de Carballo realizará un proxecto para intentar actuar nestas zonas, avanzando deste xeito no longo camiño que aínda queda para conseguir a accesibilidade universal.

Dende Íntegro valorouse especialmente o esforzo que está a facer o Concello de Carballo, que puxeron como exemplo dentro do seu ámbito de influencia, que é a Costa da Morte.

Últimas actividades

A Semana Europea da Mobilidade chegará á súa fin este venres. Durante esta semana as actividades concéntranse nos colexios públicos de primaria, onde se está presentando o xogo de mesa Cicl-Ando Carballo. Dende onte ata o venres realizaranse nos colexios Fogar, A Cristina, Xesús San Luís Romero, Bergantiños, Nétoma-Razo, Gándara-Sofán e Canosa-Rus sesións co alumnado para dar a coñecer o mecanismo do xogo, que se compón dun circuíto que deben percorrer os/as participantes (as fichas son figuras de peóns de cores) ata chegar á meta final, pero para iso deberán ir respondendo ás preguntas ou realizando as probas correspondentes a cada casiña, sempre relacionadas coa mobilidade sostible.

Ademais de dar a coñecer as instrucións, o persoal encargado da difusión do xogo entregará un exemplar a cada centro polo que vaia pasando para que poidan seguir practicando durante o curso. Pero tamén seguen as actividades na rúa. Hoxe mércores, de 17.00 a 20.00 horas, volve á Praza do Concello o circuíto de seguridade viaria para nenos e nenas, que poderán acudir cos seus patíns, patinetes, bicicletas... para aprender coa Policía Local as normas básicas de circulación. E ademais teremos dúas mesas para que tanto os nenos e nenas coma as persoas adultas poidan coñecer e xogar co xogo de mesa Cicl-Ando Carballo.

Este xoves, a todas as persoas que acudan Á feira en bici faráselles entrega dun lote de produtos relacionados coa mobilidade.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.