ENTREVISTA
Mónica Mariño Callejo, docente e directora do IES Alfredo Brañas

“Contar co apoio do profesorado é esencial para afrontar este cargo”

16 mar 2021 / 16:06
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Mónica sempre desexou traballar neste centro educativo carballés co que mantén dende pequena unha gran vinculación. Como profesora de xeografía e historia decidiu dar un paso pasando a ser a directora. Este é o seu décimo ano no cargo que coincide co 50 anviversario do IES Alfredo Brañas

Como chegou a ser directora do IES Alfredo Brañas?

A verdade é que non sabía onde me metía e tomei a decisión un pouco pola curiosidade de saber que se facía na dirección. O IES Alfredo Brañas é o centro onde sempre quixen traballar. O meu pai foi médico no centro educativo e a miña nai foi a primeira presidenta da Anpa. Somos moitos irmáns e salvo dous que tiveron que estudar en Santiago porque daquela non había instituto en Carballo, o resto estudamos aquí e aos que se suman os meus fillos. Con todo, considerei que o mellor que podía facer sendo docente era tamén dirixir o centro.

Exerceu aquí como docente con anterioridade?

O meu primeiro ano de prácticas fíxeno aquí. Tamén estiven no Parga Pondal. Tras anos de expectativa cheguei finalmente ao Alfredo Brañas en comisión de servizos por motivos humanitarios. O ano de coller a dirección, no 2011, conseguín a praza fixa no centro como profesora de xeografía e historia.

É difícil compaxinar o dar clases con atender as funcións de directora?

Os dous primeiros anos na dirección foron moi duros. Descoñecía practicamente as tarefas a realizar e tanto eu como o resto do equipo directivo tivemos que ir aprendendo a marchas forzadas, ata que pouco a pouco fomos collendo o ritmo. Tamén é verdade que cando xa por fin parece que tes unha certa estabilidade emocional e de traballo, de repente cambian a lei educativa e tes que leer centos e centos de folios con cambios e novas normativas e decretos. Ante o pensamento contrario de moita xente debo dicir que a nivel económico non é para nada un posto notablemente recoñecido. Se colles a dirección dun centro educativo é porque che gusta.

Que cambios ou progresos destacaría dos últimos anos no centro?

No instituto tivemos cambios especialmente a nivel de luminosidade, no sentido de que apostamos por darlle outro aspecto a través de exposicións permanentes. Pinturas dos principais pintores galegos, as 100 mulleres máis importantes de Galicia, un recoñecemento de historiadores, filólogos e matemáticos, fotografías de fotógrafos dos arredores... Basicamente o que pretendemos facer é fomentar o que é noso.

Este ano celebrades o 50 aniversario. Cales son os principais actos programados?

Son moitas as actividades que estaban previstas. Tiñamos en mente un especial para reunir a todos os directores que conseguiron levar a flote este “tremendo transatlántico”, así como xuntar o maior número de profesores do primeiro claustro. Todo quedou paralizado a consecuencia da pandemia. Si contamos coa presenza do primeiro director, Constantino Freire; Mucha, a primeira conserxe e bibliotecaria, e unha alumna da primeira promoción. En resumo, estamos a facer a nosa particular homenaxe con pequenos actos. Todos os documentos que enviamos ou mesmo os exames van co logotipo do 50 aniversario. No Nadal decidimos regalar a profesores e persoal non docente unha tableta de chocolate e ao alumnado uns petiscos tamén co distintivo. Por outra parte, como homenaxe polos 101 anos da morte de Alfredo Brañas temos unha pequena exposición da súa figura que foi cedida polo concello de Carballo e a súa vez doada por un sobriño-neto do escritor. Tamén destaca a labor da administrativa do centro, Matilde Tasende, que xusto se xubila este ano, e no que vai de curso fixo unha relación de todos os directores, vicedirectores, xefes de estudo, secretarias e número de alumnos de cada ano dende o 1970 ata a data presente. O obxectivo é que o 50 aniversario se espalle por todas partes.

Este curso académico está marcado pola COVID. Dende a dirección tivestes que afrontar momentos complexos?

Esta situación minounos moito. No primeiro trimestre quedamos moi esgotados tanto física como animicamente. O bo de todo isto é que poidemos seguir adiante grazas en gran parte ao grupo de profesores e persoal non docente que mostran o seu apoio e responden cando teñen que facelo. Poder traballar así é unha marabilla.

Cales son as súas expectativas para os vindeiros anos?

Quédame este curso e dous anos máis como directora. A partir de aí o tempo dirá. Nunca se sabe o que pode pasar. De momento estou moi ben e quero seguir así, cómoda e contando co apoio do profesorado, algo esencial para afrontar este cargo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.