O Correo de Bergantiños

Dúas novas áreas de aparcamento na Milagrosa e A Cristina, en Carballo

A bolsa de estacionamentos gratuítos da capital de Bergantiños supera as dúas mil prazas

  • 27 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O goberno municipal de Carballo vén apostando pola fórmula do comodato para crear unha bolsa de estacionamentos gratuítos que supera as 2.000 prazas. Mediante este sistema, que consiste na cesión do solo por parte dos seus propietarios a cambio da exención de impostos, o concello é hoxe en día un referente en Galicia, e o modelo carballés xa se está a aplicar noutros municipios.

Unha das condicións do comodato é que a propiedade pode recuperar o seu uso cando o precise, e por primeira vez desde que utilizan este formato de utilización do espazo urbano, esta mesma semana comezaron as obras de restitución duns terreos da zona do Rego da Balsa que os seus titulares recuperarán para uso particular.

O material extraído dese ámbito xa ten destino, porque se utilizará para acondicionar un novo espazo de estacionamento na zona da Cristina, xunto á estación de autobuses e o colexio. Este novo aparcadoiro público e gratuíto sumarase ao que veñen de abrir tamén na zona da Milagrosa, en concreto no cruce das rúas Compostela e José María Castroviejo, que xa puido utilizarse para a feira do domingo pasado e que a partir de agora estará dispoñible a diario.

Dende o Concello de Carballo agradecen a colaboración de todos os propietarios, e neste caso especialmente dos titulares dos terreos da zona do Rego da Balsa que agora recuperan o uso particular, ao tempo que lembran que a fórmula do comodato está permanentemente aberta a incorporacións. Deste xeito, as persoas interesadas en ceder os seus solares mentres non os precisen para outro destino poden poñerse en contacto co Concello no 981704100 ou a través do enderezo electrónico infocarballo@carballo.gal.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.