O Correo de Bergantiños

Entréganse as trece primeiras axudas municipais a empresas larachesas afectadas pola covid-19

Ao resto de solicitantes remitiráselle un requirimento de subsanación indicándolles os documentos que deben incorporar aos seus expedientes // A previsión sinala que na próxima semana sairán publicadas as bases do programa PEL-Reactiva

  • 29 oct 2020 / 16:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Laracha. Durante as últimas semanas os servizos técnicos e administrativos municipais analizaron a documentación das 214 solicitudes de axudas económicas presentadas ao programa municipal de subvencións para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da covid-19. Esta liña de axudas vai dirixida a empresarios e autónomos do termo municipal da Laracha que foran obrigados a suspender a apertura ao público ou que sufriran minoración da súa facturación debido ao decreto do estado de alarma de marzo.

Unha vez completada esta fase inicial de análise das solicitudes, na Xunta de Goberno Local que se celebrará mañá concederanse as trece primeiras subvencións a aqueles solicitantes que cumpren as condicións necesarias para poder ser beneficiarios do programa e que achegaron de xeito óptimo a totalidade da documentación precisa. Ao resto dos solicitantes remitiráselles o correspondente requirimento de subsanación indicándolles que documentos restan por incorporar aos seus expedientes e o prazo para facelo.

A través deste plan municipal de axuda ao fomento do emprego o Concello subvencionará con ata un máximo de 2.100 euros a cada beneficiario, cunha contía fixa inicial de 600 euros que se incrementará en 300 euros máis por autónomo ou empregado ata o citado tope. A partida orzamentaria destinada a atender as solicitudes destas subvencións está dotada con máis de 220.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais.

PROGRAMA PEL-Reactiva. Por outra banda, prevese que na semana que vén sexan publicadas as bases que rexerán o programa de subvencións PEL-Reactiva impulsado pola Deputación da Coruña e ao que se adheriu o Concello da Laracha.

Este plan de axudas tamén ten por finalidade mitigar os efectos negativos que están a sufrir persoas autónomas e microempresas debido á crise da Covid-19 cooperando na viabilidade económica da súa actividade e, deste xeito, contribuíndo á xeración de emprego.

A Laracha contará cunha partida orzamentaria de 185.113,21 euros, dos que o Concello asumirá con fondos propios municipais o vinte por cento (37.022, 64 euros).

En total, entre ambas liñas de axudas no Concello da Laracha destinaranse máis de 400.000 euros en subvencións directas ao tecido empresarial local para paliar os efectos negativos do coronavirus.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.