Haberá mensaxe dos Reis Magos a distancia para os nenos e nenas de Malpica
As persoas interesadas poden apuntarse na iniciativa da concellaría de Cultura ata o 29 de decembro
Malpica. O Concello de Malpica promove unha iniciativa a distancia para que a rapazada poida recibir unha mensaxe dos Reis Magos no seu teléfono móbil, xa que a situación sanitaira marcada pola COVID-19 apunta a que haberá moitas restricións no referente a cabalgatas e recepcións reais.
As persoas que así o desexen, poden inscribirse ata o 29 de decembro no enderezo web www.nadal2020.es. Deberase indicar un número de teléfono con mensaxería de Whatsapp e seguir os pasos necesarios para inscribir aos máis pequenos e pequenas.
Esta mensaxe será personalizada, polo que hai a posibilidade de que a persoa que realice a inscrición inclúa aspectos relacionados co que lle gustaría que recibise o neno ou nena.
Dende a concellaría de Cultura apostan por non perder o espírito das festividades de Nadal, unhas datas moi especiais para as crianzas, “e para iso impulsamos esta iniciativa, que cremos que pode ter boa acollida neste contexto”, indican.