O Correo de Bergantiños

Hostaleiros polas rúas de Carballo demandando as “axudas para sobrevivir”

Din que lles están a vender subvencións que case ningúen chegou a cobrar // Solicitan o respaldo dos políticos locais

  • 30 nov 2020 / 18:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Unhas duascentas cincuenta persoas, a maioría profesionais da hostalería, manifestáronse este luns polas rúas de Carballo para demandar “axudas inmediatas” para poder “sobrevivir”.

O acto de protesta foi convocado pola Asociación Hostalería Carballo e rematou na Praza do Concello, onde o presidente do colectivo, Juan Pazos, deu lectura a un manifesto e agradeceu o apoio do sector á mobilización.

Asegurou que foi “un día importante, no que saimos á rúa para pedir o que precisamos e o que nos corresponde”. Lembrou que o sector leva xa meses nunha situación moi delicada e “moitos de nós estamos coa soga ó pescozo, pois ningunha administración autonómica, provincial ou municipal nos deu unha axuda reseñable, só venden fume”. A este respecto, indicou que “estamos ante a campaña política máis grande da historia; nós non queremos ser de dereitas nin de esquerda, queremos sobrevivir”.

Os profesionais hostaleiros aseguran que “nos venden axudas que case ninguén chegou a cobrar, ilusiónannos con medidas que nunca chegan ou veñen mermadas, e vemos como noutros concellos ofrecen axudas directas que no noso municipio catalogan de ilegais; pois se son ilegais que non no las dean, pero que as fagan legais”.

A través do seu manifesto lembraron que fai pouco que houbo eleccións, “e entre todos conseguimos meter a dous deputados carballeses no Parlamento de Galicia: Daniel Pérez (BNG) e Rubén Lorenzo (PP), aos que lle piden que dean “un peto na mesa, facede legais esas axudas”.

Amosaron a súa confianza en que estes representantes políticos, ao igual que o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, dean “un paso adiante, pois precisámosvos ós tres”.

O acto de protesta serviu tamén para manifestar o seu malestar “polo peche dos locais de hostalería” a pesar de que, din, “quedou probada a pouca incidencia nos casos de COVID, sendo o sector que máis coida a desinfección”.

Quixeron ademais facer extensivas as súas reivindicacións para outros sectores, como os feirantes, “que lles pechan as feiras e deixan abertos os centros comerciais en moitos casos”.

Pediron igualmente axudas para o pequeno comercio, que veu mermadas as súas vendas, e “cada día ven a noite máis cedo; unha noite que chega a media tarde nun pobo pantasma”.

Tamén se lembraron doutros colectivos afectados pola crise que estamos a vivir e polo peche da hostalería, e demandaron axudas ou solucións para “as xentes do espectáculo que, no caso do ocio nocturno viron como desaparecía a súa actividade por completo, sen olvidarnos de todos os distribuidores, dos taxistas e moitísimos outros profesionais afectados”.

Juan Pazos, en nome da Asociación Hostalería Carballo, demandou “axudas xa para todos, para o pobo, porque o pobo vive do pobo, e este son os autónomos e pequenas empresas, que non recibiron axudas directas que, agora mesmo, son o que máis se precisa”. Concluíu a súa intervención sinalando que “nos sentimos abandoados por parte das administracións e precisamos axuda xa. Non poden seguir afogándonos”.

Sinalar tamén que ao acto de protesta se sumaron profesionais do sector hostaleiro do municipio de Vimianzo.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.