Incorporarán a realidade virtual e proxeccións 3D ao dolmen de Dombate
Mellorarán a información histórica, a sinaléptica, a sala de usos e os audiovisuais // Potenciarán a programación científica
A Deputación da Coruña porá en marcha un proxecto de mellora e actualización dos espazos expositivos museísticos no Centro Arqueolóxico de Dombate (Cabana de Bergantiños).
O proxecto, que se licitará proximamente por procedemento aberto, está valorado en 125.000 euros e suporá, segundo sinalan desde o ente provincial, “unha importante actualización e mellora para as visitas ao dolmen”.
As actuacións afectarán aos elementos de información histórica, sinaléptica, sala de usos, audiovisuais e incorporarán novas tecnoloxías como realidade virtual ou proxeccións en 3D.
Unhas melloras que foron anunciadas este luns polo deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas, durante a súa visita ao centro arqueolóxico, onde estivo acompañado polo alcalde de Cabana, José Muíño, e a coordinadora de actividades culturais do Concello cabanés, Silvia Losada.
“Con esta reforma pretendemos dende as áreas de Turismo e de Patrimonio actualizar un recurso histórico e artístico que forma parte da nosa historia milenaria pero facilitando o acceso á información e ao patrimonio dunha forma moito máis actualizada e acordo coa nova realidade”, destacou o deputado de Patrimonio e Contración, Xosé Luis Penas.
Defendeu ademais que o dolmen de Dombate, como “eixo do noso patrimonio e como faro de todo o megalitismo do país precisa contar cun museo a altura do propio monumento”. A este respecto sinalou que a actuación proxectada “é unha reforma e actualización que xa tocaba e que pretende en definitiva achegar o monumento a moita máis xente aínda”.
Na reunión cos responsables municipais de Cabana, o deputado tamén anunciou que van traballar conxuntamente co Concello “para potenciar a programación científica, histórica e cultural no dolmen” que, cabe lembrar, forma parte do patrimonio da Deputación da Coruña.
Recordar que na tempada de outono-inverno, ata o 31 de decembro, o Centro Arqueolóxico de Dombate segue ofertando visitas guiadas ao xacemento, de venres a domingo, de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas. Os interesados poden concertar cita chamando aos teléfonos 672 435736 ou 618 575481.
Considerado como a “catedral” do megalitismo galego, o dolmen de Dombate é un dos mellor conservados. A súa popularidade medrou cando o poeta Eduardo Pondal lle adicou un famoso poema na súa obra Queixumes dos pinos (1885).
O coñecido como Dombate Recente é o monumento máis visible, e debaixo do seu túmulo apareceu o Dombate Antigo, do que quedan poucos restos, tan só parte dun dos soportes da cámara.
O xacemento foi escavado durante os veráns de 1987, 1988 e 1989, baixo a dirección do arqueólogo José María Bello Diéguez. No seu interior acolle gravados en tres lousas verticais da cámara e tamén pinturas nas bases das lousas da cámara e do corredor por debaixo do nivel da terra.
Durante as escavacións encontráronse vinte idoliños aliñados á entrada do corredor, de aparente forma humana. Tiñan unha función de deuses protectores da tumba.
Todos os achados localizados no dolmen están depositados no Museo Arqueolóxico da Coruña.