O Correo de Bergantiños

Laracha únese ao acordo con Portos para practicar pesca recreativa en Caión

Ampliaranse os horarios e as zonas autorizadas // Porto do Son Ribeira, Muros, Malpica e Cervo tamén se sumaron á proposta

  • 18 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, asinou co alcalde da Laracha, José Manuel López, un convenio de colaboración para o control da pesca recreativa no municipio. Deste xeito, permítense ampliar os horarios e zonas autorizadas para esta práctica no porto de Caión, segundo recolle o plano correspondente a dito peirao que estará dispoñible na páxina web de Portos de Galicia.

A zona autorizada para a pesca nesta localidade amplíase na mesma liña do peirao na que estaba xa autorizada, diante da lonxa ata o final do espigón.

A través deste acordo, que xa asinaron tamén outros municipios como Ribeira, Malpica, Cervo, Porto do Son ou Muros, formalízase o compromiso de abrir máis zonas á actividade mediante a colaboración institucional e minimizando riscos ao igual que se fai noutras actividades de ocio desenvolvidas en solo portuario.

Este tipo de convenios “permiten establecer un control e vixilancia por parte do goberno local dunha actividade vencellada unicamente co lecer dos veciños e allea por completo á operativa portuaria”, subliñan dende Portos.

O ente autonómico segue avanzando nesta fórmula, que considera “viable e axeitada” para ampliar as zonas e minimizar os riscos -tanto dos afeccionados como dos profesionais dos portos-, e anima ao resto de concellos do litoral a sumarse a esta posibilidade para autorizar a pesca de lecer coas maiores garantías para os pescadores e a actividade portuaria.

De feito, o ente dependente da Consellería do Mar lembra que os concellos apoiaron activamente ampliar zonas, polo que teñen nesta vía unha opción para obter resposta ás súas demandas. Neste sentido, o organismo vén de responder ás peticións de concellos como Burela e Moaña para ampliar as zonas autorizadas á pesca lembrando que a ferramenta para poder facela é o convenio que xa están a asinar outras administracións locais.

Do mesmo xeito, o ente público está a dialogar co Concello de Bueu de cara a un acordo definitivo, tal e como se falou por ambas partes na última reunión entre a presidenta de Portos e o alcalde. Ademais, prevese poder asinar proximamente un convenio co Concello de Baiona no mesmo sentido.

A Xunta lembra que a normativa que regula esta práctica é viva e considera factible abrir novas áreas para a práctica da pesca recreativa en superficie en máis dunha vintena de portos de titularidade autonómica se existe colaboración cos concellos para o auxilio e control da actividade. Portos de Galicia avanza así na regulación aprobada o pasado verán e que permitiu levantar total ou parcialmente a prohibición da práctica da pesca recreativa en superficie que rexía desde os anos 70 en todos os portos.

A finalidade é dar garantías aos pescadores recreativos regularizando a actividade, e por iso nos últimos meses se introduciron distintas melloras como a ampliación de zonas e horarios, entre outras.

Estas propostas de convenio chegan despois de que, a raíz de diversos conflitos rexistrados nalgúns portos, o ente autonómico reafirmase a prohibición da pesca deportiva nas áreas portuarias, o que motivou protestas dos pescadores e deu pé a unha fase de negociacións cos afectados e tamén cos concellos.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.