O Correo de Bergantiños

Malpica reforza o orzamento para atender as necesidades sociais da veciñanza

  • 14 may 2022 / 08:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Corporación de Malpica aprobou, cos votos a favor do grupo de goberno (PP e o edil non adscrito, Alfredo Cañizo), o orzamento de 2022, que medra no seu conxunto un 9,02 % con respecto ao do ano 2020, ata alcanzar os 5.277.221 euros.

O alcalde, Eduardo Parga, destacou os investimentos previstos para este ano, que ascenden a 468.652 €, e que “serán incrementados xa que o Concello está á espera de coñecer a concesión de axudas dos plans adicionais da Deputación Provincial e outras aportacións que poidan chegar da Xunta”, afirmou.

Sinalou ademais que son unhas contas “axustadas á realidade” do concello e que están centradas en cubrir as necesidades de primeiro orde dos veciños e veciñas de Malpica, de xeito especial, os servizos sociais, debido ás consecuencias da pandemia, pero tamén contemplan o mantemento, conservación e construción de novas infraestruturas.

As contas, dixo, tamén apostan pola potenciación das actividades culturais e o turismo. “Nun momento como o que atravesamos, cunha forte demanda nos servizos sociais e de atención ás necesidades das persoas máis vulnerables centramos os nosos esforzos en aumentar estas partidas”. Do mesmo xeito, engadiu, co fin de reactivar a economía e de mellorar os servizos, “os orzamentos contemplan diversas actuacións de mellora e de construción de novas infraestruturas”.

En canto o cadro de persoal, o Concello ten en marcha un proceso de consolidación de postos de traballo e o alcalde anunciou que se fará pública a oferta de emprego o vindeiro 1 de xuño. Neste capítulo o orzamento sofre un aumento do 2,39%.

Tamén destaca o incremento dun 19,62% no capítulo de gasto en bens correntes e servizos, ata chegar aos 2.852.376 euros. Subliñar, neste punto, a dotación para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar derivado do aumento de horas concedidas pola Xunta de Galicia para a dependencia. Tamén aumenta a dotación para o subministro enerxía eléctrica derivada do aumento de prezos.

En canto a tranferencias correntes, o goberno local incrementará as axudas a entidades culturais e tamén porá ao día o gasto coas asociacións deportivas. O alcalde destacou o papel que xogan estos colectivos na dinamización cultural e deportiva do concello e, polo tanto, “dende á administración temos que facer os esforzos necesarios para que se sigan mantendo as actividades e apoiar cos recursos que poidamos a estes colectivos”. Tamén se incluén neste capítulo as achegas para convenios con outros concellos para reforzar os servizos de Policía Local.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.