O Correo de Bergantiños

Múltiples danos na rede viaria da Laracha tras o último temporal

A intervención máis considerable será na Igrexa da parroquia de Lendo tras o desprendemento de terra // Non se detectaron danos persoais

  • 12 feb 2021 / 19:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Laracha. O Concello larachés está a reparar os danos materiais provocados na rede viaria municipal ante as intensas choivas e o forte vento do temporal dos últimos días. Detectáronse incidencias de distinta consideración. A de maior magnitude foi un desprendemento de terra no Igrexario da parroquia de Lendo que requirirá dunha intervención importante e que está a ser analizada por equipos técnicos. O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, desprazáronse hoxe ata a a zona para coñecer a situación. Tamén se produciu un desprendemento de terra, pero de menor entidade, no acceso ao núcleo urbano de Caión pola rúa das Pías, onde o Concello xa realizou as actuacións oportunas para a súa reparación.

Por outra parte, no lugar de O Campo (parroquia de Torás) foi preciso facer a drenaxe da cuneta e a posterior limpeza da estrada que quedara anegada de auga, situación que tamén se produciu en determinados puntos da rede viaria próximos ao río Vilán ao seu paso pola parroquia de Cabovilaño.

Entre outras incidencias, a pasarela de madeira do paseo fluvial do Anllóns sufriu danos provocados pola caída de árbores.

Os danos afectaron ás infraestruturas públicas municipais. Non houbo danos persoais nin tampouco en bens de titularidade privada.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.