O Correo de Bergantiños

O alumnado da Laracha xa pode solicitar as bolsas de estudos e as axudas para a adquisición de material informático

Ámbalas convocatorias publicáronse este xoves no BOP // O prazo de 20 días naturais rematará o 7 de outubro // Destínanse en total 75.000 euros procedentes de fondos municipais

  • 18 sep 2020 / 10:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Laracha. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe ous dous programas de axudas para estudantes convocados polo Concello da Laracha e aos que se destinan un total de 75.000 euros procedentes dos fondos municipais.

Por unha parte está a habitual convocatoria de axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, dotada con 55.000 euros, coas que o Concello coopera no financiamento da adquisición do material escolar e didáctico complementario ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa para o curso 2020-2021. As contías das subvencións serán de 125 euros cada unha para os beneficiarios de bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 100 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.

A outra convocatoria municipal de axudas aos estudantes realízase excepcionalmente e ten por obxecto subvencionar a adquisición de material informático ao longo do ano 2020. O Concello destina 20.000 euros a este programa, pensado especificamente para o alumnado que comprase ou vaia comprar antes de final de ano un ordenador persoal, tableta, impresora ou libro electrónico para adaptarse ás circunstancias da suspensión das clases presenciais desde o mes de marzo debido á Covid-19 e poder participar nelas de xeito telemático. Neste caso, a contía das axudas será de 200 euros por beneficiario.

REQUISITOS. En ambas convocatorias a concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, sendo os criterios de outorgamento a renda per cápita, número de membros e características da unidade familiar e o expediente académico dos solicitantes. Poderán participar neste programa de axudas todos os estudantes de calquera nivel (desde educación infantil ata universitarios no caso das bolsas de estudos e a partir de primaria as axudas para a compra de equipamento informático) que estean empadroados no Concello da Laracha desde antes do 1 de setembro de 2019. Estas liñas de subvencións municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.

O prazo de solicitude (20 días naturais) permanecerá aberto ata o 7 de outubro. Os impresos poden descargarse en formato editable na web municipal www.alaracha.gal (apartado de “avisos”). Poden presentarse en liña a través da sede electrónica ou tamén acudindo de xeito presencial ao Concello, para o que é preciso solicitar cita previamente chamando ao 981605001.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.