O Correo de Bergantiños

O BNG demanda un novo centro de saúde para Carballo

  • 25 sep 2021 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O BNG de Carballo vén de presentar unha emenda á moción do PP, que solicita a posta en marcha dun centro integral de saúde que preste servizo a toda a comarca de Bergantiños. Os nacionalistas propoñen que Xunta de Galicia inclúa, dentro do seu futuro Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, a construción dun novo centro de saúde, “de xeito que se respecte a ratio de 20.000 habitantes por unidade de atención primaria, que xa cumpren a maioría de concellos de poboación semellante a Carballo, como Arteixo, Culleredo e Oleiros, que teñen tres centros, ou Cambre, que ten dous.

Ademais, o BNG demanda á Administración autonómica que volva a dotar o centro de saúde de Carballo dos servizos de cirurxía e xinecoloxía eliminados, así coma das especialidades de medicina interna, otorrinolaringoloxía, dermatoloxía e cardioloxía, ademais de incrementar a carteira de especialidades para evitar desprazamentos á veciñanza e contribuír deste xeito a reducir os niveis de masificación dos centros de especialidades de referencia na cidade da Coruña.

Aseguran que o centro de saúde carballés “encabezou hai unhas semanas o triste ranking negativo de ter unha lista de agarda para unha consulta na atención primaria de 26 días, unha situación que se pode cualificar máis de desatención médica que con outro tipo de adxectivos”. O abandono dos servizos médicos en Carballo por parte do Sergas, enganden, “é unha cuestión histórica, como históricas son as demandas do Concello nesta materia. Moito antes da construción do hospital de Cee, Carballo xa viña demandando un hospital comarcal, e dende hai xa bastantes anos vense reclamando que se cumpra a ratio estabelecida para a atención primaria”.

Durante os anos de goberno do PP na Xunta, “a realidade da atención sanitaria no Concello de Carballo é moi diferente á que nos relata a parte expositiva da moción do Partido Popular. Elimináronse unha consulta de cirurxía e outra de xinecoloxía e faltan especialidades como medicina interna, otorrinolaringoloxía ou cardioloxía, e ademais é preciso incrementar as existentes, completamente saturadas: por exemplo, no caso das ecografías, que só se fan os venres, hai unha longa lista de agarda”, sinalan dende o BNG.

Polo tanto, entenden que se parte “dunha situación altamente deficiente, e a súa solución pasa por aumentar persoal, especialidades e tamén o espazo físico necesario para prestar o servizo, claramente insuficiente. A necesidade dun novo centro de saúde ponse de relevo nada máis entrar no actual, onde a saturación e a masificación é máis que evidente. E no caso do mostrador, as colas chegan a colapsar a planta baixa do edificio”, afirman.

Por outra banda, o Bloque Nacionalista Galego de Carballo sospeita que detrás deste cambio de nome do centro de saúde “agóchase un avance aínda maior na precarización da sanidade pública e na atención primaria, centralizando servizos, desmantelando consultorios municipais, afastando a atención primaria dos doentes e amortizando aínda máis persoal. Se o que se pretende é centralizar a atención primaria e as especialidades da comarca no edificio de Carballo, lonxe de ser un avance na calidade de prestación do servizo de saúde, trataríase dun evidente retroceso, porque dificilmente pode mellorar derivando a un centro de saúde masificado aínda máis usuarias e usuarios”, conclúen.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.