ENTREVISTA
María Xosé Mato Figueiras, nova delegada Territorial da Asociación Española de Profesionais do Turismo (AEPT)

“O meu obxectivo é alcanzar a identidade e o recoñecemento social dos e das profesionais do sector turístico en Galicia”

05 may 2021 / 17:55
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

María Xosé Mato é graduada en Turismo, postgraduada en Protocolo, en Comunicación e en Imaxe Corporativa e mestrada en Planificación e Xestión de Destinos e novos Produtos Turísticos. A maiores ten unha cátedra en Sustentabilidade e Innovación Social. Actualmente é xestora, asesora, formadora e avaliadora SICTED, un sistema de calidade turística da Secretaría de Estado do Turismo. Tamén é guía oficial de turismo de Galicia e exerce como técnica de turismo no Concello de Laxe (A Coruña). Afronta dende os últimos días o cargo de delegada Territorial da Asociación Española de Profesionais do Turismo (AEPT)

Cando descubriches que o turismo era a profesión na que querías medrar?

Inicialmente orientei a miña carreira profesional ás finanzas, de feito teño o Título de Técnica Superior en Administración e Finanzas. Cando rematei os estudos, con 19 anos, firmei o meu primeiro contrato laboral que afortunadamente me puxo en contacto co sector do ocio e do tempo libre. Despois daquel traballo tiven a oportunidade de participar nos inicios dun proxecto de turismo mariñeiro. Durante aqueles meses a miña vocación como turismóloga comezou a forxar sólidos cementos. Descubrín que sentía un interese concreto pola socioloxía do turismo e moi especialmente pola xestión pública do mesmo, así que aquela etapa dou lugar a outra na que comecei a formarme e a traballar activamente no sector.

Consideras que en Galicia se aposta por potenciar o turismo?

Desde a perspectiva da xestión privada, o indicador esencial que nos permite saber se o sector se está potenciando é a creación de empresas e, por extensión, a análise do número de afiliacións á seguridade social, e nisto, os índices de crecemento son crecentes.

Desde a perspectiva da xestión pública, un dos indicadores máis evidentes da aposta por un sector no ámbito local é o reparto das concellerías e a dotación presupostaria que se lle fai. Nese sentido tense avanzado moito. Cada vez é máis habitual que as Concellerías de Turismo formen parte dos organigramas municipais e esa é unha maneira evidente de demostrar que o sector goza dunha importancia estratéxica para o territorio sobre o que se asenta. En canto a administración de Galicia, non existe unha consellería específica de turismo, pero que o sector estea integrado na Vicepresidencia 1ª xunto coa Consellería de Presidencia e Xustiza, é bastante sintomático á hora de analizar a importancia que se lle concede ao sector.

Como ves na actualidade o sector turístico da Costa da Morte?

Vexo un sector con índices de crecemento constantes, tanto a nivel da oferta coma da demanda turística e percibo tamén, a existencia de atributos que favorecen a identidade e a singularidade da Costa da Morte como destino turístico.

En definitiva, considero que o sector turístico da Costa da Morte é un sector competitivo, con capacidade de proxección futura, e como tal debe ter en conta que a eficiencia enerxética, a transacción dixital e a planificación da oferta son eixes estruturais esenciais.

Dende cando eres técnica de turismo en Laxe e cales son as principais tarefas a desenvolver no cargo?

Entrei a formar parte da administración do Concello de Laxe fai case 15 anos. As tarefas fundamentais que desempeño consisten no asesoramento técnico a administración municipal en materia turística, a emisión de informes, a tramitación administrativa de expedientes, a planificación e organización de actos, a asistencia a reunións de traballo en representación e defensa dos intereses do concello, ou o deseño e execución de procesos operativos.

Que destacarías da túa experiencia profesional noutras empresas privadas ou institucións turísticas públicas?

O meu perfil profesional estivo desde sempre marcado pola miña inquietude persoal de saber, e de mellorar. Estar en contacto con distintos ambientes e metodoloxías de traballo permíteme ter unha visión completa da xestión tanto pública coma privada e iso, finalmente, enriquece o perfil profesional de calquera persoa.

Por outro parte, está o valor humano. Ese que se adquire tanto coas boas coma coas malas experiencias que se viven no entorno profesional. Ámbalas dúas me aportaron o factor competitivo; as primeiras como exemplo a seguir, e as segundas como exemplos a evitar, permitíndome apostar por unha folla de ruta na que a profesionalidade, a excelencia, a actitude positiva, a proactividade e a visión global son o centro e o motor.

Que supuxo para ti ser nomeada nova Delegada Territorial da AEPT en Galicia?

Considérome unha persoa especialmente implicada coa defensa dos dereitos dos traballadores e a promoción dos nosos intereses laborais, así que, este nomeamento supón unha oportunidade única para traballar a favor dunha causa coa que me sinto identificada, e que ademais repercute directamente no benestar do capital humano dun sector que escollín libremente, no que traballo e co que me sinto totalmente comprometida.

Afronto a Delegación Territorial cun sentimento de moita responsabilidade, pero tamén con ilusión, ganas e esperanzas, formando parte dunha entidade con máis de 50 anos de historia e unha traxectoria intachable, coa que espero e desexo que se abran portas útiles para os profesionais deste sector en Galicia.

Como definirías de forma breve os obxectivos básicos da asociación?

A Asociación Española de Profesionais do Turismo (AEPT) é a única asociación que existe en España coa misión principal de velar e tutelar os intereses profesionais de todos e cada un dos homes e mulleres do sector turístico español. É unha asociación única, necesaria, exclusivamente profesional, obxectiva e independente. Entre os seus obxectivos básicos destacan, potenciar a identidade e o recoñecemento social dos profesionais do turismo, así como dotar aos seus asociados dunha serie de instrumentos que facilitan o seu desenvolvemento profesional.

Que pretendes alcanzar co túa incorporación á mesma?

O meu obxectivo como Delegada Territorial é alcanzar a identidade e o recoñecemento social dos e das profesionais do sector turístico en Galicia. Pretendo superar as conductas prudentes e contemplativas, e trascender cara un comportamento proactivo que nos permita crear sinerxias entre os profesionais, tanto públicos coma privados, que configuramos o turismo a tódolos niveis e perseguimos a consolidación e dignificación dos postos de traballo desempeñados neste sector.

Por outra parte, pretendo participar e promocionar actividades que permitan construír novas relacións co sector empresarial galego e así levar a cabo diversas actuacións en conxunto que poñan en valor aos profesionais turísticos da delegación.

Como te ves nun futuro profesionalmente?

Nun futuro próximo véxome traballando para constituír unha rede de profesionais do turismo de Galicia, que sexa sólida, que sexa colaborativa, que sexa multidisciplinar, e queira acompañarme no proceso de creación do Colexio Oficial de Profesionais do Turismo de Galicia.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.