O Correo de Bergantiños

O Museo de Arte Contemporánea de Corme, un espazo aberto e dinámico que alberga a obra pictórica de Julio Pujales

A maiores hai máis de 700 tesouros dun total de 200 autores tanto do país como doutras nacionalidades // Foi constituído no ano 2006 pola Fundación Torre-Pujales e no 2018 pasou a estar nas mans do Concello de Ponteceso

  • 29 sep 2020 / 12:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Museo de Arte Contemporánea de Corme (MACCMO) foi impulsado pola muller do pintor coruñés Julio Pujales, a xeóloga Cristina Torres. Tras a morte do seu marido decidiu crear un espazo para albergar a súa obra e divulgar o seu legado artístico. No 2006 creouse a Fundación Torre- Pujales, pero non foi ata o ano 2012 cando se inaugurou o Museo. Os membros da Fundación eran de Madrid polo que daquela unicamente se abría para eventos de carácter privado. En junio do 2018 o edificio pasou a ser propiedade do concello de Ponteceso, que adquiriuno en subasta pública. A día de hoxe, o edificio (o continente) é do concello de Ponteceso e as obras (o contido) seguen sendo da Fundación.

Nun principio a idea de Cristina Torres, presidenta da Fundación Torre-Pujales, era construír un museo para acoller a obra do seu marido e igualmente, como ambos eran coleccionistas de arte engadíronse as obras da súa colección.

BECAS PARA OS ARTISTAS. Agora a Fundación ten un sistema de becas para a creación para o cal Cristina ten un estudio en Corme adicado ás becas de residencia de artistas.

“Os artistas presentan a súa obra aos membros da institución. Se estes creen que é digno de estar neste museo acéptano. Así veñen ao piso-estudio para inspirarse e traballar nel. A única condición que pon a Fundación é doar unha creación ao museo para que se vaia enriquecendo con obras de outros artistas”, explica en detalle Sonia Castro, técnica do Museo.

A día de hoxe hai máis de 700 creacións de 200 autores ( escultores, arquitectos, pintores) de toda España e do resto do mundo.

Este verán, os membros da Fundación cambiaron a distribución das obras para aportar un aire fresco e darlle cabida a todos os artistas que foron becados. Son tres salas, un baixo e unha sala contigua. “A parte de Julio Pujales, a alma de museo, sempre ten un apartado especial”, afima a técnica.

VISITAS AO MUSEO. Dende que pertence ao Concello, abriuse ao público a finais de decembro. Nel realízanse charlas, talleres para nenos, visitas guiadas, actuacións musicais... En definitiva, actos culturais de todo tipo.

Durante o confinamento estivo mes e medio pechado. Abriu as portas a finais de maio. Dende ese momento, o aforo está limitado a 25 persoas. “As visitas incrementáronse moito porque nos meses de verán aumenta a poboación en Corme. É un sitio costeiro e houbo moito turista pero ninguén tivo esperar para coñecelo porque estaba aberto durante moitas horas ao día”, comenta.

Sonia Castro considera que a xente non recoñece o valor deste tipo de institucións. “É certo que estamos empezando e que as visitas concertadas para estes meses non se poideron facer pola pandemia. Entre as redes sociais e o boca a boca vaise dando a coñecer polo que penso que vai ir arrancando”, considera.

$!Imaxe de arquivo durante unha visita ao Museo fai unhas semanas. Foto: MACCMO.
Imaxe de arquivo durante unha visita ao Museo fai unhas semanas. Foto: MACCMO.
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.