O Correo de Bergantiños

Amplia oferta de ocio a prol da conciliación no verán na Laracha

  • 21 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello da Laracha deseñou un completo programa de actividades de verán que inclúe vinte e unha propostas culturais, deportivas, lúdicas e recreativas especialmente dirixidas ao público infantil e xuvenil, permitindo tamén en determinados casos a participación de persoas adultas. O dobre obxectivo deste programa é ofrecer opcións para o aproveitamento do tempo libre e facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante as vacacións de verán nos centros escolares.

O prazo de inscrición abrirase o martes, día 22 e poderá formalizarse acudindo ao concello ou tamén en liña cubrindo o formulario que se habilitará na web municipal alaracha.gal. A realización de todas as actividades cumprirá coa normativa vixente en materia sanitaria e en todos os casos as prazas son limitadas, tendo preferencia de acceso ás persoas empadroadas no termo municipal. Aínda que non será posible realizar algunhas das propostas tradicionais, o programa será variado e de calidade.

Así, neste verán os campamentos realizaranse en horario de mañá no pavillón municipal da Laracha e en dúas quedas dividindo aos participantes por grupos de idade. A primeira será do 12 ao 16 de xullo e a segunda, a semana seguinte, do 19 ao 23 de xullo. Regresan á programación os dous campus que tradicionalmente se realizaban no verán e que non puideron levarse a cabo o ano pasado. O de fútbol realizarase nos campos Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco do 5 ao 9 de xullo. O de baloncesto será do 26 ao 30 de xullo no pavillón larachés.da Laracha

Outras actividades para o público infantil serán o circuíto de karts a pedais que se habilitará no campo da feira de Paiosaco o 10 de agosto e o cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión o 24 de agosto. Ademais, haberá saídas para gozar de xornadas lúdicas de humor amarelo (A Coruña, 14 de xullo), multiaventura (Naturmaz en Mazaricos, 27 de xullo), inchable acuático (praia de Gandarío, 3 de agosto), paintball (Cacheiras de Teo, 18 de agosto) e visita ao Museo Etnolúdico de Ponteceso (20 de agosto).

Para o público xuvenil e adulto, as actividades propostas son unha xornada multiaventura en Naturmaz de Mazaricos (15 de xullo), barranquismo no pontevedrés río Almofrei (5 de agosto), kaiak e paddle surf en Gandarío (12 de agosto), humor amarelo na Coruña (17 de agosto) e iniciación ao surf na praia de Caión (26 de agosto).

O venres 10 de setembro na Laracha realizarase unha xornada de Cultura Urbana con obradoiros de beatbox, breakdance e freestyle football, que concluirá co espectáculo Ópera Break´s. O programa tamén inclúe cine ao aire libre na Praza Eduardo Vila Fano de Caión con Maimiño e o espello máxico o 16 de xullo e Maléfica, maestra del mal o 5 de agosto. Ademais haberá espectáculos de rúa coincidindo con tres das principais festas do verán. O 19 de xullo (Festas do Carme) Caión acollerá Acuario, de Teatro Ghazafelhos. O 15 de agosto (Festas da Laracha), está programado o show de acrobacia aérea e ópera cantada Ikigai, a cargo de SU.MA. Por último, o día dos Milagres (8 de setembro) actuará en Caión Muu co espectáculo circense Crunch!

Na organización deste programa colabora co Concello da Laracha a Deputación Provincial da Coruña. A realización de todas actividades e eventos estará en todo caso suxeita ás medidas sanitarias e sociais que poidan establecer ao respecto as autoridades competentes.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.