O Correo de Bergantiños
Encontro en Caión. O territorio agarda obter a distinción de Destino Starlight // Institucións e profesionais din que axudaría a diversificar e especializar a oferta // Avogan por valorizar a “amplitude e diversidade” deste marco atlántico TEXTO M. L.

Optimismo ante as oportunidades para o turismo na Costa da Morte

  • 30 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Caión xuntou este martes ao ecosistema turístico do xeodestino Costa da Morte nun encontro no que se deron cita representantes das administracións locais, provincial e autonómica e profesionais dos distintos ámbitos do sector co fin de avaliar o presente e o futuro.

Na cita, promovida por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), a entidade que aglutina os intereses dos axentes do territorio, tanto do sector público como do privado, os participantes coincidieron en augurar un “bo e excelente” ano 2023 “cheo de oportunidades” para o turismo nos 17 concellos que integran o xeodestiono.

A presidenta de CMAT e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asegurou que “a verdadeira” riqueza do xeodestino está na súa “amplitude e diversidade”, e subliñou que a entidade traballa para poñer en valor a “marca común: Costa da Morte”, integrada por Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas, ademais da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM).

Rodríguez tamén destacou que a CMAT “quere poñer o foco nun dos proxectos máis ambiciosos ao que se presentou Costa da Morte: acadar a certificación de Destino Turístico Starlight”. Sinalou que é “un dos maiores esforzos realizados polo xeodestino no 2022”. Este foi un dos temas centrais do encontro celebrado en Caión, no que participaron tamén o catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC, Jorge Mira; a presidenta da Fundación Starlight, Antonia Varela; e o auditor do proceso, Aleix Roig.

A resolución está “próxima” segundo anunciaron, e confían en que Costa da Morte poida postularse o próximo ano como un Destino Turístico Starlight.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, como anfitrión, foi o encargado de abrir a xuntanza, xunto co vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a propia presidenta da CMAT.

O acto complementouse coa mesa redonda Os ceos e as estrelas na Fin do Mundo, moderada por Jorge Mira, “peza clave” como colaborador da CMAT e impulsor da iniciativa da certificación do territorio coma Destino Turístico Starlight. Nela participaron como poñentes convidados Antonia Varela, astrofísica e presidenta da Fundación Starlight, e Aleix Roig, guía astronómico, consultor en astroturismo, astrofotógrafo e colaborador da Fundación Starlight, un dos auditores que visitaron Costa da Morte xunto con Susana Malón.

Os dous especialistas estiveron no xeodestino no mes de outubro para recoller información sobre a potencialidade do territorio no eido do turismo das estrelas. Antonia Varela mostrou a súa confianza en que Costa da Morte poida incorporarse en breve de xeito oficial ao selecto grupo de territorios co selo Destino Turístico Starlight.

A presidenta de CMAT agradeceu o traballo das corporacións municipais de Costa da Morte, dos seus técnicos, así como dos empresarios e empresarias dun sector turístico “cada vez máis innovador e diferencial”. “Agardamos que continúe avanzando na unión do sector coa fórmula do asociacionismo e, especialmente, a través de APTCM”. Tamén agradeceu o apoio dos medios de comunición e dos expertos e expertas. “Este ano a CMAT contou cos mellores profesionais nos eidos do megalitismo, do turismo xeolóxico e do astroturismo”, engadiu a presidenta.

Maior conciencia social e ambiental

Mónica Rodríguez desexou que CMAT “siga sendo un ente vivo e saudable, a pleno funcionamento e rendemento”. Agradeceu tamén o traballo da secretaría técnica e o seu esforzo no obxectivo de acadar a certificación de Destino Turístico Starlight. Neste senso fixou para 2023 o reto de “poñer en valor o ceo nocturno de Costa da Morte” porque “o noso territorio é un lugar extraordinario para contemplar o ceo e as estrelas e gozar dos solpores”.

Tamén tivo palabras de agradecemento para o catedrático Jorge Mira, que “nos axuda a diferenciarnos e a posicionarnos no ámbito internacional”. Ao seu xuizo, obter o certificado Destino Turístico Starlight “suporía un impacto positivo” que “axudaría a diversificar e especializar a nosa oferta turística de calidade e fomentaría o emprendemento en astroturismo, así como acadar novos fluxos turísticos máis respetuosos e con maior conciencia social e ambiental”.

Antes da mesa redonda proxectouse un vídeo sobre a natureza salvaxe da Costa da Morte elaborado polo equipo de Fernando Rey, de LuzLux, convidando aos viaxeiros a achegarse a Costa da Morte fóra da tempada alta.

Os axentes do sector turístico tamén tiveron tempo, tras a clausura, para facer networking.

A PROTAGONISTA
A guía ‘O último solpor’ verá a luz en Fitur
Nava Castro
Directora de Turismo de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de pechar o encontro celebrado en Caión, onde anunciou que a Feira Internacional de Turismo (Fitur), de Madrid, será o marco para a presentación oficial da nova guía O último solpor da Europa Continental, unha obra que está baseada nos estudos realizados polo catedrático baiés Jorge Mira.

Castro falou ademais dos valores dos destinos Starlight de Galicia, unha distinción á que agora quere sumarse tamén o xeodestino Costa da Morte.

{ Pasaba por aquí }
Unidos, máis fortes
Manuel Lavandeira

Ben sabido é que a unión fai a forza, e iso parecen telo cada vez máis claro no sector turístico da Costa da Morte. No actual mundo globalizado non abonda con dispor dos mellores recursos, senón que é preciso saber posicionarse no mercado para poder captar turistas e potenciar un sector que xa é un dos piares das economías locais deste xeodestino. É unha boa nova que institucións e profesionais aúnen forzas e obxectivos e que a imaxe que se quere transmitir é a dun territorio cohesionado e coas ideas claras, tanto no que se refire á oferta como á posta en valor dos múltiples recursos cos que contan estas comarcas atlánticas. Os primeiros pasos nesa dirección están dados e agora só cabe esperar que se avance pola senda marcada.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.