O Correo de Bergantiños
Transporte. A Xunta someteu a información pública os proxectos de Ponteceso, Carballo, Malpica, Melide e Ordes // Melloraranse 14 apeadoiros // Disporán de información en braille, pavimentos podotáctis e máis iluminación TEXTO M. Ramos

Paradas de bus máis accesibles e seguras en cinco concellos da zona

  • 02 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Xunta vén de anunciar, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), que se somete a información pública o proxecto de mellora de 66 paradas de autobús en sete concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños e outras 64 na contorna da Coruña e Santiago, que suporán un investimento autonómico de máis de 4,2 millóns de euros.

O proxecto abrangue paradas nas rutas de acceso polo oeste da cidade da Coruña nas estradas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418, AC-424 e AC-552, e nas de acceso polo norte á cidade herculina nas AC-621, AC-211, AC-213, AC-221, AC-230, AC-400, AC-524, AC-542 e AC-480. As intervencións afectarán a cen parcelas, a cuxa expropiación se destinarán algo máis de 238.000 euros.

Concretamente, no Concello de Arteixo, melloraranse 37 paradas; na Coruña 3; en Culleredo 12; en Carballo 9; en Cerceda 2; en Malpica 1 e en Ponteceso 2 paradas. Polo que respecta á AC-552, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo o investimento previsto é de 1,3 millóns de euros, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de catro ofertas para mellorar 32 paradas nestes municipios. As obras, que precisan de expropiacións, está previsto que comecen na primavera e teñen un prazo de execución de doce meses.

Na contorna de Santiago contémplase a mellora, entre outras, dunha parada en Melide e outra en Ordes. As intervencións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, revisarase se a localización da parada é a axeitada. A situación óptima destas infraestruturas é en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas. Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático. Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

SEGURIDADE. As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas. Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais das paradas.

Trátase dunha das actuacións enmarcadas no programa da Xunta para actuar en máis de 1.100 paradas de autobús en estradas autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade, o que suporá un investimento global de arredor de 35 millóns de euros.

O PROTAGONISTA
Actuarase en 1.100 puntos de toda galicia
Gonzalo Trenor
Delegado da Xunta na provincia da Coruña

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, asegura que se trata dun dos proxectos do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 millóns de euros para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia.

A medida está financiada ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou na presentación do plan, que tivo lugar en novembro, na Laracha que se busca “favorecer a mobilidade e accesibilidade, sabendo que as paradas son o primeiro elemento de contacto entre o usuario e o transporte público”.

{ PASABA POR AQUÍ }
Servizos esquecidos
Manuel Lavandeira

A actualización e mellora anunciada das paradas de autobús é, sen dúbida, unha boa nova pois estes espazos foron durante moito tempo os grandes esquecidos dun servizo fundamental como é o transporte público. Ademais dunha gran variedade de formas e tipoloxías de marquesiñas que nos podemos atopar por toda Galicia, é moi habitual ver como a maioría se atopan deterioradas, algunhas polo paso do tempo, e outras debido aos comportamentos incívicos. Ata hai un tempo era tamén moi frecuente que estes espazos fosen empregados como soportes de todo tipo de anuncios de festas e demais, cando esa non é a súa función. Agardemos que este plan as transforme en espazos máis funcionais, útiles e seguros.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.