O Correo de Bergantiños

PP e os non adscritos de Ponteceso presentan o seu POS na Deputación

Insisten en que todo avance pasa "pola dimisión do alcalde" // Aseguran que a súa vontade é que o pobo reciba os 758.000 euros que lle corresponden

  • 06 mar 2021 / 16:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A concelleira do PP, Marta María Carrillo, e os edís non adscritos Raquel Fondo e Faustino Santiago Lema acudiron esta mañá á Deputación da Coruña para presentar un escrito co Plan de Obras e Servizos que contaría co apoio maioritario da corporación municipal sempre e cando o alcalde deixe o seu cargo. “Estamos a dicir o que sempre temos dito. Que Lois García deixe o seu posto porque xa ten demostrado dabondo que non é quen de gobernar nin xestionar o noso Concello”, explicou o portavoz popular, Daniel García, que quixo deixar claro que dende o PP hai “total vontade de que o noso pobo poida recibir os 758.000 euros que lle corresponden”.

Para iso, teñen presentado diante da institución provincial as obras e actuacións que incluirían no plan, e que supoñen diversas obras, o mantemento do emprego nos servizos sociais municipais e tamén o pago de facturas a provedores. “Isto é algo máis que o que pretendía o alcalde en minoría, que só plantexou un POS para gasto corrente ou, o que é o mesmo, para ter cartos en caixa e pagar favores”, engadiu.

Aínda que o prazo para presentar proxectos xa rematou o mes pasado, “foi o presidente da Deputación, Valentín González, o que dixo que había tempo para solucionar a situación en Ponteceso. Tomámoslle a palabra e presentamos a nosa alternativa”, afirma García Cotelo. Reitera que o grande impedimento para traballar no Concello “é sempre o alcalde, que non fala coa oposición e que non é consciente de que está a gobernar na máis absoluta das minorías tras ter expulsado a cinco dos seus compañeiros do equipo de goberno”.

Insiste en que todo avance para Ponteceso pasa “pola dimisión do alcalde. Valentín González non só é o presidente da Deputación, tamén é o responsable do PSOE provincial, así que tamén ten responsabilidade no que está a pasar no seu partido en Ponteceso”, concluíu.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.