O Correo de Bergantiños

Preocupan os casos activos de covid-19 nas comarcas de Bergantiños e Soneira

Esta mañá tivo lugar un encontro telemático entre rexedores/as destas zonas xeográficas co conselleiro de Sanidade e o xerente da área sanitaria A Coruña-Cee // Cabe a posibilidade de que se decreten novas medidas

  • 12 nov 2020 / 11:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Esta mañá celebrouse unha reunión telemática cos rexedores e rexedoras de Ponteceso, Malpica, Cabana, Coristanco, Carballo, Vimianzo,Camariñas, Laracha, Laxe e Zas, co Secretario Xeral da Consellería de Sanidade e o xerente da área sanitaria A Coruña-Cee. O encontro realizouse con motivo de abordar a problemática do covid-19 nos diferentes municipios da comarca de Bergantiños e Soneira, onde na última semana se incrementaron os casos de 370 a 562. Ademais, dende onte hai 16 novos hospitalizados na zona mencionada.

En Ponteceso, hoxe hai 53 positivos de covid-19. A impresión do alcalde, Lois Carballido tras finalizar dita reunión é que hai probabilidades de que o comité clínico da Consellería de Sanidade decida aplicar a todo ou parte dos concellos en vermello de Bergantiños as mesmas medidas que aos 63 municipios nomeados nun principio: peche da hostalería, confinamento perimetral dentro da bisbarra, e reunións con só convivintes. Os casos na bisbarra de Bergantiños de onte a hoxe medraron en 16. Segundo os datos dos rastrexadores, non hai un brote claro ou definido, senón que se trata de varios brotes familiares. Dende o punto de vista asistencial conclúen que as medidas fan baixar os contaxios, pero haberá que esperar a decisión final que acaden dende a Consellería de Sanidade.

Por outra banda, o alcalde de Malpica, Walter Pardo agradeceu a realización do cribado masivo deste sábado, pero incidiu na necesidade da realización destas probas a outros colectivos, como nos centros educativos ou ás persoas que traballan de cara ao público. O Concello de Malpica presenta nestes momentos 68 casos activos por covid-19.

Está previsto que volva celebrarse unha nova reunión o vindeiro xoves co propósito de dar información precisa e de xeito continuado.

SITUACIÓN EN CARBALLO E A LARACHA. No Concello de Carballo hai hoxe en día un total de 126 casos activos, unha cifra que foi crecendo co paso dos días e que a semana pasada era de 52. Evencio Ferrero cualificou como “altamente preocupante” a tendencia á alza que se está a rexistrar as últimas xornadas. Pola contra, A Laracha presenta os mellores datos da comarca con 17 persoas contaxiadas por coronavirus e permanece no nivel de alerta 1 por número de positivos confirmados por PCR nos últimos sete días. O alcalde, José Manuel López Varela considera “positivos” estos datos e agarda que o Comité Clínico da Xunta de Galicia, que se reunirá mañá, non acorde medidas preventivas específicas para A Laracha.

Tema marcado como favorito