O Correo de Bergantiños

Programa na Laracha a prol da inclusión social e cultural de persoas inmigrantes

Habilitarán un taller de alfabetización e un espazo para coñecer os costumes locais

  • 22 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Laracha. O Concello ten en marcha unha nova edición do programa A Laracha acolle, dirixido ás persoas inmigrantes empadroadas no termo municipal (prioritariamente, ao colectivo das mulleres) e ten por finalidade a súa inclusión social e cultural.

Componse de dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda o Taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e, pola outra, a creación do espazo de expresión e participación cultural Exprésa-T, dirixido a coñecer os costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación.

O taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia ten por propósito a adquisición de habilidades lingüísticas que lles permita ás persoas inmigrantes desenvolverse de forma autónoma nas diferentes situacións da vida diaria. As clases seguirán unha metodoloxía alternativa de ensinanza aprendizaxe e con perspectiva de xénero, traballando contidos e linguaxe non sexista, así como poñendo en valor o papel das mulleres na sociedade.

O espazo Exprésa-T céntrase na creación dun espazo coeducativo de participación e convivencia que permita poñer en práctica os contidos asimilados a nivel lingüístico e no que, a través do coñecemento e intercambio mutuo das distintas culturas e a presente no municipio, se desenvolvan relacións sociais e persoais igualitarias que contribúan á construción dunha sociedade intercultural.

As persoas interesadas en participar no programa A Laracha acolle deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais, ben acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981 612 811. M. L.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.