O Correo de Bergantiños

Remusealizan o oleiro Forno do Forte de Buño

  • 28 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

MALPICA. O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, acompañado pola concelleira de Olaría de Malpica, Marisol Blanco, visitou o Forno do Forte de Buño, no inicio das obras de remusealización e co obxecto de poñer en común os aspectos técnicos e patrimoniais da intervención. Na xuntanza tamén participou persoal técnico da empresa adxudicataria, a UTE Sellier y Bialbero, e o xefe do Servizo de Arquitectura da Deputación.

“Con esta intervención”, sinala o deputado, “damos un paso máis no compromiso adquirido ao inicio do mandato de cara a acadar a modernización do Forno do Forte, actualizándoo en base a unha realidade social actual da olaría que na nosa opinión non estaba reflectida no museo actual”. O proxecto suporá a adaptación das tres salas dedicadas actualmente a material etnográfico que pasarán a ser salas de exposicións temporais, da olaría de Buño e orientadas a difundir a actividade dos oleiros e das oleiras locais. A antiga taberna dedicarase a sala de actividades e actos, para o que será dotada dos medios técnicos e materiais necesarios para a súa nova función.

Segundo explica Xosé Lois Penas, “sobre todo o que pretendemos é que o Forno do Forte e a tradición oleira de Buño traballen conxuntamente para buscar un ben único, que é a promoción dunha actividade que forma parte do noso patrimonio inmaterial e que como tal debe ser protexida e promovida por todas as administracións”. O deputado lembra, ademais, que con esta actuación “a finalidade é que sexa, por fin, o gran museo dos oleiros e das oleiras que todos desexamos”.

Por último, a remusealización tamén implicará a actualización do mobiliario e elementos de olaría actuais, a modernización das salas, a adaptación de espazos interactivos, a instalación de nova información patrimonial e cambios na iluminación.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.