O Correo de Bergantiños

Renovación da rede do saneamento en Xermaña

  • 16 mar 2021 / 17:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A LARACHA. A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único a renovación do saneamento de Xermaña, na parroquia de Caión, en A Laracha. O ente provincial achega o 100% do orzamento para o proxecto (56.610 euros). As obras atópanse en fase de licitación e poderán presentarse ofertas ata o 31 de marzo. O prazo de execución das mesmas é de 3 meses. As actuacións permitirán dotar á zona de Xermaña dunha rede de saneamento de residuais renovada. A contorna conta na actualidade cunha rede por gravidade, que agora será mellorada cunha de impulsión para evacuar as augas á rede xeral municipal, que se atopa nunha cota máis elevada na estrada provincial DP-0514. Para levar a cabo a instalación procederase á demolición do firme nas zonas afectadas, limpeza de cunetas e pavimentación unha vez rematen os traballos.

Desde 2016, o Plan Único financiou máis de 2.257 obras nos municipios coruñeses, das que 294 permitiron renovar ou construír novas redes de saneamento e abstecemento de augas. O Plan Único da Deputación investirá ademais 176.250 euros en varios proxectos de limpeza, pavimentación e mellora de camiños municipais en diversos puntos do municipio.

En concreto renovaranse os camiños en Chamusco, Aren, O Pereiro, As Rivas, Teixoeira, A Lista, Os Abelares, Campo Medado, Ribeiriña, Vilaño Vello, A Cerdeira e no núcleo de Bocixa.

Cabovilaño

Pola súa banda, o Concello ten en fase de execución un amplo proxecto na parroquia de Cabovilaño dirixido a ampliar a rede de saneamento e mellorar as condicións da estrada entre os núcleos de A Braña, A Fraga, A Cacharra e A Teixoeira.

Actualmente estase avanzando na intervención consistente na instalación das tubaxes de saneamento para ampliar a cobertura deste servizo. O novo tramo será conectado coa rede xa existente en A Cacharra.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Patricia Bello comprobaron o desenvolvemento destes traballos no punto no que se executan as obras. A continuación actuarase na mellora da estrada sobre a que discorren as tubaxes que se están a instalar. A intervención contempla a limpeza das cunetas e a nova pavimentación con aglomerado asfáltico nun tramo de oitocentos metros de lonxitude. O investimento total situarase en torno aos 80.000 euros.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.