O Correo de Bergantiños

Sanidade confirma que na comarca de Bergantiños hai 164 positivos de covid

Un deles é un dos alumnos do CEIP Nétoma-Razo, de Carballo // Baixaron en 27 desde que se adoptaron medidas restritivas

  • 14 sep 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O conselleiro de Sanidade, Julio García; o xerente da Área Sanitaria A Coruña-Cee e varios directores xerais mantiveron onte unha xuntanza por videoconferencia cos alcaldes de Bergantiños para abordar a situación sanitaria xerada pola Covid-19. Segundo os datos facilitados polas autoridades sanitarias, actualmente hai 164 casos activos na comarca, dos cales 66 son veciños de Carballo, 32 de Ponteceso, 23 da Laracha, 13 de Coristanco, 12 de Laxe, 9 de Malpica e 9 de Cabana.

Un dos afectados é un alumno do CEIP Nétoma-Razo, de Carballo, polo que o Concello xa procedeu o pasado domingo á desinfección do centro educativo. Por parte da dirección do colexio activouse o protocolo establecido pola Xunta de Galicia, e os nenos e nenas que comparten aula co infectado foron postos en corentena, e onte xa non acudiron a clase. A conselleira de Educación, Mar Eirís, está en contacto permanente coa directora do centro por se fose preciso atender calquera outra necesidade.

Hai que sinalar, non obstante, que dende o establecemento de medidas restritivas nos concellos de Carballo e A Laracha, o pasado día 3 de setembro, ampliadas posteriormente a Ponteceso e Laxe, produciuse un descenso no número de casos activos e hoxe son 27 persoas menos as afectadas, segundo os datos que lles facilitaron onte os responsables da Consellería de Sanidade aos rexedores da comarca. O conselleiro confirmoulles ademais que esta semana volverán revisarse as restricións vixentes nos referidos municipios.

A maior preocupación ante a evolución da pandemia sitúase agora no municipio de Ponteceso que, con 32 casos activos, é dos máis afectados. A este respecto, o alcalde, Lois García, informou onte a través das redes sociais municipais que “a xefatura territorial analizará o caso concreto do noso municipio para formular unha teoría de por onde pode vir o alto dato de contaxios”. Respecto á pasada semana suman seis contaxios máis. O xoves, o rexedor terá unha reunión co xerente da Área Sanitaria A Coruña-Cee no consistorio.

Pola súa banda, no Concello da Laracha celebrouse onte unha nova reunión do comité municipal de seguimento ante a Covid-19, na que participaron o alcalde, José Manuel López Varela, os catro concelleiros con áreas de goberno delegadas, o xefe da Policía Local e o secretario da administración local.

Na xuntanza constataron que o inicio do curso escolar transcorreu “sen incidentes” na escola infantil A Galiña Azul nin nos CEIP’s Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas, de Paiosaco e no de Caión, nos que o Concello reforzou a frecuencia das limpezas e desinfeccións durante o horario lectivo.

Tamén se retomaron os programas Madrugadores e Educa en postivo, namentras que o servizo de aula lúdica recuperou o horario de tarde. En relación á programación cultural e deportiva de inverno, o executivo municipal, de momento, non a porá en marcha. Tan só se desenvolverá un programa infantil dirixido ao fomento da lectura con medidas de prevención e seguridade específicas.

Asemade, a comisión avaliou o desenvolvemento das festas dos Milagres de Caión e, aínda que afluencia de xente foi moi importante, “non se produciu ningún incidente”. O mesmo ocorreu coa feira de Paiosaco, na que só participaron postos de produtos do campo e alimentación.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.