ENTREVISTA
Antía Ameixeiras, voz e violista do dúo musical Caamaño&Ameixeiras

“Tomamos como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois a nosa propia linguaxe”

20 may 2021 / 18:19
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Antía Ameixeiras, namorada da cultura de raíz graduouse no 2010 como violinista no Conservatorio de Carballo, e máis tarde, xa en Compostela, onde estudou Comunicación Audiovisual, cambiou o violín clásico polo tradicional. Realizou varias estadías musicais en Bulgaria e no 2017 comezou cos estudos de jazz e músicas improvisadas, en Francia e Barcelona. No 2015 recibiu a Beca de Excelencia Artística Afundación, que a levou de xira polos Estados Unidos con Carlos Núñez, co que continúa colaborando. A partir de aí son múltiples os proxectos musicais nos que traballou tendo a oportunidade de compartir escenario con recoñecidos artistas. Por si fora pouco, no 2018 comeza a compartir a súa paixón pola música tradicional coa acordeonista, Sabela Caamaño creando o dúo Caamaño&Ameixeiras.

Que vos levou a formar o dúo no 2018?

Este dúo naceu de xeito curioso. Coincidimos nun festival de baile e unha amiga que tiñamos en común xuntounos e díxonos que tiñamos que facer un dúo de violín e acordeón porque iamos conectar moi ben. Non se equivocaba nada, fixémoslle caso e quedamos un día para tocar desenfadadamente temas que nos gustaran. A partir dese día todo foi rodando: temos unha maneira de entender a música moi similar e uns imaxinarios musicais totalmente conectados.

Estaba entre as túas pretensións o adicarte profesionalmente á música?

O certo é que dende ben pequena estudei violín e percusión no conservatorio e tamén asistín a baile tradicional e pandeireita. Sempre estiven moi vinculada á música de raíz pero non foi ata que me deron a Bolsa de Excelencia Artística de Afundación, que me levou de xira aos EEUU con Carlos Núñez, cando decidín que quería que este fora o meu oficio.

Cal é o xénero musical no que vos centrades?

Pódese dicir que facemos música de raíz ou música folk. Tomamos como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois a nosa propia linguaxe, con composicións e arranxos máis persoais e íntimos que manteñen a esencia da música popular, pero que incorporan recursos contemporáneos.

Se falamos da temática. Cal é a que máis se repite nas vosas composicións?

No noso repertorio podense atopar varios temas cantados, pero sobre todo instrumentais que nós sempre defendemos que tamén contan historias. A temática trata o amor, o baile, as nostalxias de tempos mellores, a rapidez da vida moderna, as inxustizas...

Compartides escenario con outros músicos en diferentes proxectos?

Cada unha de nós temos outros proxectos paralelos, Oîma ou Carlos Núñez no meu caso (por Antía) ou Europejska Orquestra e Quinta San Vitorio no caso de Sabela. A parte de iso, nos nosos traballos sempre nos gusta compartir a música con outr@s artistas que admiramos. Temos convidado a músic@s como Silvia Pérez Cruz, Marisa Valle Roso, Diego Galaz e Xavi Lozano, entre outros.

Aire! é o voso primeiro traballo fotográfico. Cal é o seu significado?

Aire! para nós é un berro de foliada, de catarse colectiva, de invitación a cantar e a bailar. E iso é precisamente o nos gustaría que fixeran co noso disco: cantalo e bailalo. Este traballo ten dúas vertentes, por un lado, a defensa do dúo en si mesmo, sen maquillaxes e gravado en directo, e por outro o noso afán de compartir as nosas músicas con outr@s artistas admirad@s que convidamos.

O pasado 8 de maio presentastes no Museo Mar de Laxe o videoclip Maneo de Cambre que foi grabado en Soesto (Laxe) e no que colaboraron artistas de renome. Que supuxo isto para ti, tendo en conta que eres natural do municipio?

O Maneo de Cambre é un tema moi especial para nós, tanto a música na que colaboran as admiradísimas músicas catalanas Sílvia Pérez Cruz e Carola Ortiz, coma o vídeo, que dirixiu Lucía Estévez e foi rodado íntegramente no concello de Laxe. Para min, ter o apoio do Concello e poder rodalo na casiña foi un regalo inmenso.

Como se presenta o verán no referente a actuacións en Galicia ou noutras comunidades?

Pois estamos contentas porque pese á situación de crise ocasionada pola pandemia, pouco a pouco van saíndo concertos, aínda que a xente segue con medo a programar. Queremos animar moito a institucións e programadores a que aposten pola música en vivo, que é moi necesaria e quedou cancelada durante moitos meses, con todo o que iso implica para os traballador@s do sector. Por agora temos datas en Galicia, Cataluña, Portugal e tamén estamos preparando unha pequena xira por Bélxica.

Tendes algún proxecto en mente para os próximos meses?

Agora estamos moi centradas en presentar Aire! e creemos que terá un longo percorrido. Temos ganas de levalo a moitos lugares, e viaxar moito con el, pero sempre estamos traballando en novos temas e actualizando o noso repertorio.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.