O Correo de Bergantiños

Volven a Malpica as Tardes na Biblioteca

  • 15 sep 2021 / 19:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Malpica, a través do departamento de Cultura, organiza este outono unha nova edición das Tardes na biblioteca, un ciclo de citas con contacontos e compañías de teatro destinado á rapazada do municipio. Nestas actividades colabora a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o seu programa Ler Conta Moito.

Todos os venres ás 18.00 horas dende o 24 de setembro e ata o 15 de outubro (ambos incluídos), a biblioteca Eduardo Blanco Amor acollerá unha serie de actuacións coas que educar aos máis pequenos da casa dentro dos valores da cultura e da narración oral. O programa comezará con O arquivo do Chibo, do grupo Os Contos de Pablísimo, unha fabulación arredor do conto clásico cun público obxectivo entre os 4 e os 9 anos.

A seguinte actuación, o 1 de outubro, será A caixa sen Pandora, de Teatro de Ghazafelhos, unha historia accesible para nenas e nenos a partir de 4 anos na que se achega á rapazada a loita das mulleres pola igualdade. O 8 de outubro está programada a actuación Aldara na montaña, de Soraya Lema, adecuada para público de entre 3 e 11 anos. Aldara, a protagonista desta historia, narra de xeito musical as súas andanzas polos montes dos Penedos de Pasarela e Traba.

Finalmente, o 15 de outubro rematan as Tardes na biblioteca deste outono con Entre bechos anda o conto da compañía Galeatro. Esta sesión de narración oral está destinada para rapazas e rapaces a partir de 5 anos.

A programación seguirá todas as normativas sanitarias vixentes co obxectivo de reducir ao máximo posible os contaxios por COVID. O aforo estará controlado e será necesario inscribirse previamente enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es onde se indique nome completo, DNI e un teléfono de contacto.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.