ENTREVISTA
David Fidalgo Omil, realizador de curtametraxes de animación tradicional e dixital

“Webseries de animación en galego hai poucas, cóntanse cos dedos da man”

25 nov 2020 / 00:15
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

David Fidalgo (Lugo, 1989) foi o gañador do Premio ao mellor proxecto de webseries en galego do festival Carballo Interplay, coa dotación de 3.000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos de Cacola. É graduado en Belas Artes na Universidade de Pontevedra e cursou o máster en Álbum Ilustrado e Animación. Nos últimos anos participou en diversos festivais por todo o mundo recibindo múltiples premios. Este ano estivo nominado aos premios Goya a Mellor Curtametraxe de Animación por Homomaquia.

Dende cando a túa pasión polo audiovisual e a animación?

Isto ven dende que era moi pequeno. Meu pai poñíanos moitas películas e supoño que xa ahí me naceu o interese. Xa cando estaba en Belas Artes trataba de mover todos os meus traballos cara a animación. Non precisaba de cámara, só lápiz e papel.

Que tipo de proxectos levas a cabo?

O que fago básicamente son curtametraxes: Cartas a Superman e Homomaquia. Ambas foron realizadas a man, debuxo a debuxo, con papel reciclado e lápiz de carboncillo. Cada unha ocupa uns oito mil folios e teñen unha duración de quince minutos. Encádranse na narrativa dramática. A maiores teño unha vertente de animación inmerso na arte contemporánea con vídeos que eu os defino como memes nos que retrato diversos temas relacionados coa televisión.

Tes algún recuncho específico para pensar e trasladar as ideas ao papel?

Moitas das ideas ocórrenseme fóra da casa. Eu son de Lugo e cando estudaba en Pontevedra as viaxes en autobús servíanme para percibir moitas cousas. Agora vivo na Coruña e a miúdo acércome ata o monte de San Pedro ou á Torre de Hércules. Son momentos máis puntuais nos que aproveito para avanzar. Teño que recoñecer que cando estou en casa distráiome bastante.

Esperabas que Cacola recibise o premio a mellor proxecto de webserie en galego?

Pensaba que había posibilidades xa que webseries de animación en galego hai poucas, cóntanse cos dedos da man. Todo dependía dos demais proxectos e da decisión do xurado, pero sí tiña esperanzas.

Dános uns detalles sobre Cacola.

Cacola é unha web serie de animación dixital na que cambio o lápiz normal polo dixital. É unha serie de comedia absurda na que en cada capítulo presento unha metáfora entre a vida e a morte e o pracer e o asco. En 6-8 capítulos aparecen situacións cotiás ás que non se lles soe prestar atención. Son capítulos moi cutos, dun minuto de duración, co propósito de estar presente nas redes sociais e que a xente os poida ver nos móbiles sen pereza.

É a primeira vez que presentas un traballo ao festival Carballo Interplay?

Levo indo tres anos e sempre tiven as ganas de participar. Cacola é unha idea que me xurdiu cando estaba estudando Belas Artes, alá polo 2012. Tíñaa na mente, deille forma e decidín presentala para ver que pasaba.

Cal é a tua valoración do vivido no Carballo Interplay?

Creo que a organización o salvou moi ben tendo en conta que pasou de ser presencial a ser completamente online. Estiven vendo as estreas dos capítulos de “Xan” e “Amnesia”, gañadoras do premio do mellor proxecto de webserie galego o ano pasado e sorprendeume o ben que funcionou. O máis divertido foi empregar o chat de Youtube para ir comentando aspectos e interactuar coa xente. Creo que é unha fórmula que funciona bastante e non sei se a deixarán pasar. Nun auditorio a xente córtase á hora de preguntar e cunha pantalla polo medio iso cambia.

Consideras que o audiovisual galego e os contidos artísticos son valorados e recoñecidos en xeral pola sociedade?

Penso que cada vez recoñécese máis e temos máis presenza. Cabe destacar que a nivel curtametraxe de animación case todos os anos hai galegos nominados aos Goya. O que se precisa para saír adiante é máis apoio a nivel cultural e económico.

Foches nominado nos Premios Goya 2020 a Mellor Curtametraxe de Animación. Como o viviches?

Cando o anunciaron estiven moi feliz e o día da entrega de premios tamén. Sen dúbida, unha experiencia inesquecible. Non gañei pero o simple feito de estar alí e posteriormente recibir o cariño da xente, é de valorar.

Recibiches moitos premios durante estes últimos dez anos. Que significa para ti este recoñecemento?

Sempre se agradece, pero cada vez doume máis de conta da importancia que supón que dito agradecemento vaia acompañado de diñeiro. O premio real é poder seguir creando e para iso necesítase apoio.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.