O Correo de Caldas-Tabeirós

Caldas xa loce as bandeirolas que a distinguen como unha parte do trazado do Camiño

Engalanouse o treito da Ruta portuguesa no casco histórico da vila ao seu paso pola rúa Real para darlle a benvida ós peregrinos

  • 20 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de acometer unha acción de embelecemento e sinalización do Camiño de Santiago ao seu paso pola vila de Caldas de Reis coa colocación dunhas bandeirolas conmemorativas do dobre Ano Santo no marco do programa Xacobeo Benvida.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado por representantes municipais, achegouse este xoves ata a localidade para coñecer o treito da ruta xacobea portuguesa que vén de ser engalanado no casco histórico da vila ao seu paso pola céntrica rúa Real.

“Estamos absolutamente comprometidos e volcados con este dobre Ano Santo tanto pola súa importancia propia no eido cultural, relixioso e patrimonial como polo seu peso na reactivación económica tras a fase máis dura da pandemia, xa que xenera unha sinerxia turística de gran calado. Por elo, estamos a despregar numerosas accións no marco dun plan transversal para a súa promoción en toda Galicia e tamén fóra do noso territorio”, detallou o representante autonómico.

Ademais, o delegado territorial, que amosou a súa satisfacción pola imaxe que transmite o Camiño en Caldas de Reis grazas a esta acción de embelecemento, destacou que a actuación da Xunta de Galicia en torno ao Xacobeo “pasa por acometer iniciativas diversas e diversificadas, que impliquen á poboación para que sintan o Xacobeo como elemento identitario dos galegos e que sexan de baixo impacto para coincidir cos valores propios do Camiño”.

Desde que a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, participara no acto de presentación desta iniciativa o día 23 de xullo en Betanzos, o programa Xacobeo Benvida, que se desenvolverá ata o vindeiro 30 de outubro, ten previsto chegar a 37 treitos das nove rutas xacobeas oficiais cara Santiago de Compostela ao paso polos cascos históricos de vilas e cidades das catro provincias.

En total, vanse despragar algo máis de 200 bandeirolas decoradas con motivos xacobeos co obxectivo de saudar simbolicamente e darlle a benvida aos peregrinos.

No caso da provincia de Pontevedra, engalanáronse a citada rúa Real de Caldas de Reis por onde transcorren os camiños Portugués e Portugués pola Costa, pero tamén as rúas Tilde e Antero Rubín de Tui e Real de Pontevedra da ruta lusa, a San Bernardo da Guarda polo paso da variante do litoral e as rúas Calzada e Garda Civil de Lalín, polas que discorre a ruta Mozárabe.

Tema marcado como favorito