O Correo de Caldas-Tabeirós

Concentración en Caldas para pedir un médico máis

  • 18 feb 2022 / 19:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O pasado domingo 6 de febreiro tivo lugar en Caldas de Reis unha concentración diante do centro médico do municipio. O motivo foi a reducción dun medico no horario de urxencia, deixando coa modificación do plan funcional (a partir do un de xaneiro) un só facultativo para atender as urxencias dos concellos de Caldas de Reis, Portas, Cuntis e Moraña, o que suma un total de máis de 21.000 veciños para un só médico, causando grandes demoras e desprazamentos dos veciños.

Dita concentración foi convocada polo BNG de Caldas, contando co apoio de compañeiros de partido do resto de concellos afectados polo recorte e dos deputados Luis Bará e Montse Prado. Asistiron arredor de 500 persoas que se mostraron moi descontentas pola situación e que non comprendían a modificación do plan funcional por parte da Xunta. Así mesmo, tamén manifestaron o seu apoio membros do goberno local, mentres que o alcalde, Juan Manuel Rey, desculpou a súa ausencia ao dar positivo en Covid-19.

En palabras de Manuel Fariña, portavoz do BNG do concello protagonista da protesta, a concentración foi todo un éxito, e para el “Caldas enviou unha mensaxe clara en favor da sanidade pública e en contra do desmantelamento que leva practicando o PP nos últimos anos. Dende o Bloque Nacionalista Galego seguiremos traballando arreo na rúa e nas institucións para conquerir unha sanidade de primeira para os nosos veciños e as nosas veciñas”.

Dende o Sergas, alegan que esta modificación do plan funcional ten que ver cunha redución no número de pacientes, contradicindo con isto aos profesionais. Segundo un dos consultados “a redución a un só medico deixa moitos pacientes descubertos”, polo que instan á Xunta a “contratar un segundo facultativo aínda que non sexa obrigatorio”. Ademáis desta concentración, o BNG presentou en Caldas de Reis unha moción no pleno municipal co obxectivo de instar á Xunta a revertir esta situación, a cal foi aprobada grazas aos votos do propio BNG e do PSOE fronte a abstención do Partido Popular.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.