O Correo de Caldas-Tabeirós

Máis vixilancia en Semana Santa para evitar os contaxios

Alfonso Rueda participou na reunión semanal da Sala de Control de Operativos, na Estrada

  • 01 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, participou onte na reunión semanal que ten lugar na Sala de Control de Operativos (Sacop), ubicada na Estrada, con representantes das forzas e corpos de seguridade e efectivos de emerxencias para coordinar o control das medidas de prevención ante a COVID nestes días de Semana Santa, durante os que se van redobrar os dispositivos.

Na xuntanza tamén participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para explicar a situación sanitaria actual, ademais do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo; e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal, así como responsables da Policía Nacional en Galicia, da Garda Civil e dos servizos de emerxencias.

O obxectivo do encontro foi coordinar os esforzos nestes días centrais de Semana Santa para controlar o cumprimento das medidas de prevención ante a COVID, tales como o peche perimetral da Comunidade, o toque de queda, os aforos nos establecementos abertos ao público, o uso obrigatorio de máscara e demais medidas e restricións vixentes adoptadas polas autoridades sanitarias para frear a propagación do virus.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu “a implicación e o traballo” dos efectivos desde o inicio da pandemia e, en especial, desde que comezou esta desescalada, “para garantir o cumprimento das normas cunha presencia constante e actuando cando se producen infraccións”. Estas actuacións lévanse a cabo no marco dunha colaboración fluída a través do Sacop, o órgano específico creado precisamente para a coordinación das forzas de seguridade e os servizos de emerxencia na loita contra a pandemia.

Asimesmo, destacou que a vixilancia e unha maior presenza policial nestes días son fundamentais “para velar polo cumprimento das normas e detectar comportamentos irresponsables”. Rueda apelou á responsabilidade individual e ao “sentidiño” como “o mellor xeito para previr contaxios e a maior garantía do cumprimento colectivo”.

O representante autonómico avogou por evitar condutas que poñen en perigo a saúde de todos e advertiu de que todas elas serán denunciadas e sancionadas.

En resumo, o obxecto deste reforzo das forzas e corpos da seguridade non é outro que evitar un posible rebrote dos contaxios tras os días festivos, tal e como sucedeu despois das vacacións de Nadal. Con todo, dende o Goberno galego deixan claro que é fundamental na loita contra a COVID a responsabilidade individual. Se as persoas non cumpren as normas, de nada valen as restricións nin recomendacións sanitarias.

comarcas@elcorreogallego.es

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.