O Correo de Deza
A bailarina Yara Juncal protagonizou na praza de Galicia ‘Iceberg’, unha actuación que aborda as diferentes etapas dunha relación tóxica // Medio cento de mozas e mozos puideron seguir esta acción do programa Violencia Zero TEXTO María Rendueles

Danza urbana para concienciar aos lalinenes sobre o maltrato

  • 27 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Amosar de xeito claro á mocidade a identificar unha relación tóxica e visibilizar as terribles consecuencias para as vítimas que exerce este tipo de violencia por parte dos maltratadores foi o eixo da peza da danza urbana que a bailarina e coreógrafa Yara Juncal protagonizou na praza de Galicia de Lalín na nova proposta do programa da Deputación Mulleres en Acción. Violencia Zero. Iceberg, que a artista canguesa representou acompañada do seu irmán Kevin Juncal e de Verónica Aboy, foi seguida en vivo por máis de medio cento de alumnas e alumnos dos IES Laxeixo e Ramón Aller da localidade, así como pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, a tenente de alcalde, Paz Pérez, e representantes de diversos colectivos e asociacións do municipio. A escenificación retransmitiuse tamén en streaming polas canles da Institución provincial e do Concello.

Yara Juncal dividiu a súa acción, creada exprofeso para Violencia Zero, en oito capítulos ao modo dunha serie, nos que foi abordando as distintas etapas dunha relación tóxica, desde o feliz inicio da parella tras coñecerse nunha festa ata o “poder” final que consigue recuperar a vítima, tralos procesos de rifas, reconciliacións e, sobre todo do “illamento” e “control” e a anulación que lle chega a exercer o maltratador tras afastala do mundo e, en especial, da súa mellor amiga.

A voz de V, a vítima desta historia, escoitouse na peza a través da narración en off ao inicio de cada capítulo, amosando ao público a evolución dos seus sentimentos ata que, na parte final, consigue saír desa espiral de sombra e liberarse das cordas que a oprimen, non sen deixar patente o trauma sufrido e o feito de que “a vida non será como antes; hai moito por asimilar e hai que perdoarse para que este dolor se transforme en cicatriz”.

A artista canguesa subliñou neste senso na súa intervención que a peza nace do seu traballo como docente, ao igual que Kevin e Verónica, en clases de baile con adolescentes “e queríamos representar as bandeiras vermellas que pode haber para identificar unha relación tóxica”.

Tras a acción, a deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, que agradeceu ao Concello de Lalín a súa implicación, animou ao alumnado a “facer unha reflexión conxunta e a sacar conclusións” ao termo da actuación e na aula “para entre todos e todas aportar o grao de area para frear os asasinatos e as violencias machistas que están a sufrir as mulleres; é unha lacra que hai que erradicar”. Neste senso, abundou en que as cifras “son alarmantes”, con 45 vítimas mortais o pasado 2020 e 14 no que levamos de 2021, “pero tamén hai que incluír unha menor asasinada, e seis menores orfos, porque a violencia machista non só é o feito de facer dano físico ás mulleres”. “Hai outras violencias que as mulleres teñen que soportar porque un home crese co dereito de decidir polas mulleres. E debemos reflexionar que as mulleres e os homes, as nenas e os nenos, –engadiu– temos os mesmos dereitos e deberes ”.

Pola súa banda, a concelleira Paz Pérez destacou o traballo que desenvolve a Institución provincial, “que é das deputacións que está a apostar no ámbito da igualdade e da muller” e cualificou as accións de Violencia Zero como “unha clase máis que debe estar presente en todo o calendario educativo”. Subliñou así mesmo que a “prevención e sensibilización” das violencias machistas a través estas accións “teñen que estar presentes día a día cada vez máis para poñer freo a esta lacra”, e destacou que a loita contra a desigualdade é unha máxima na axenda de traballo do Concello lalinense, especialmente impulsadas desde o CIM e a Oficina de Igualdade.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.