O Correo de Deza
O Concello presentou dous vídeos que amosan as rutas de sendeirismo das Penicias e do Castro Lupario // As gravacións combinan imaxes e testemuños co obxectivo de poñer en valor as paisaxes e a tradición oral do municipio TEXTO Sol Elvira

Roteiros de Rois que percorren o patrimonio natural e humano

  • 02 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

O Concello de Rois presentou dous vídeos que percorren as rutas de sendeirismo das Penicias e do Castro Lupario, e fan parada nalgúns dos atractivos do municipio recollendo os testemuños dos veciños e veciñas que os habitan. O alcalde, Ramón Tojo Lens, presentou as filmacións acompañado de Juan Martínez, director da produtora, e das persoas que participaron na gravación. Houbo arredor de quince asistentes na presentación, que foi na auditorio municipal, previa invitación e respectando as medidas obrigadas pola crise do covid-19. O alcalde fixo referencia á importancia de dispoñer de espazos naturais coma os reflectidos, máis aínda nestes tempos.

As películas, de 8 minutos de duración cada unha e dispoñibles na canle de YouTube do Concello de Rois, seguen a andaina dos camiñantes combinando imaxes de dron e primeiros planos coas intervencións dos veciños. En total, máis de vinte persoas participaron nos vídeos, producidos pola empresa compostelá Alicentis. O seu director agradeceu a colaboración e destacou que ademais de describir os sendeiros, os audiovisuais “poñen en valor a memoria oral e o conxunto de bens naturais e históricos deste municipio”.

No vídeo da Ruta das Penicias, Luísa Calvo, María Martelo e Carmen Lamas, veciñas da parroquia de Rois de 89, 87 e 73 anos respectivamente, foron as encargadas de lembrar as tradicións vinculadas a algúns dos lugares: a fonte de Sanamede ou das Penicias. A voz en off é de Laura Ríos, que tamén sae como camiñante xunto con Clara Pardal e Antía Vicente. No do Castro Lupario, participan Marcos Santos e Mariano Pineda, veciños de Angueira de Castro, que falan da importancia etnográfica da aldea, proposta para a súa clasificación como Ben de Interese Cultural en conxunto co Castro Lupario. A música foi cedida por Vai de Trío, grupo local.

RUTAS Rois sinalizou e acondicionou a Ruta das Penicias en 2018. Coincidindo coas patronais do Santo Isidro, o 19 de maio dese ano unhas 170 persoas realizaron este percorrido circular de 8,5 quilómetros na súa variante completa e de dificultade baixa. Comeza e remata na Igrexa de San Mamede e discorre polas aldeas de Rois, Infesta, A Casa do Porto e Buxán e vai paralela ao río Rois por unha zona moi escarpada e chea de penas; de aí o nome de sendeiro das Penicias. Tres mulleres falan no audiovisual das historias da tradición oral que recibiron dos seus devanceiros, destacando as propiedades da auga da fonte de San Mamede que nace no alto do Píndalo, á que se lle atribúen efectos milagreiros.

Por outra banda Rois e Brión, con axuda da Xunta, fixeron un forte investimento en 2018 para limpar o Castro Lupario e sinalizar esta ruta, que ten un percorrido base de 3,6 quilómetros e diferentes variantes que a alongan ata os 4,5. O seu carácter circular permite comezala en diferentes puntos, aínda que se aconsella iniciala no Xardín do Recordo do Pazo do Faramello. Percorre a Ponte Paradela, o Castro Lupario; a aldea e área recreativa de Angueira de Castro; o río Tinto e o Pazo do Faramello. Sinala Marcos Santos que “camiñar por aquí é dar un paseo pola historia de Galicia”. Danlle a razón un castro ligado coa lenda da Raíña Lupa e coa historia da Traslatio dos restos do Apóstolo; unha aldea con casas de variadas tipoloxías e na que unha torre controlaba o paso entre o sur e o norte de Galicia; o Pazo do Faramello, que albergou a primeira fábrica de papel, de 1710; un río, o Tinto, que deu servizo á imprenta, a unha fábrica de curtidos e a varios muíños, e xa hoxe, a unha zona de deforestación de especies autóctonas e un xardín que lembra ás vítimas do Alvia en Angrois.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.