O Correo de Deza

Silleda centrará o orzamento 2021 en reformas e na rede de calor

Suben os gastos para servizos sociais, sobre todo os destinados ao sector do comercio

  • 01 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Silleda. O executivo local de Silleda levará a pleno o vindeiro xoves día 4, nunha sesión telemática, a aprobación inicial do orzamento municipal para 2021. O montante global das contas sitúase en 8.480.000 euros , unha cifra que supón un incremento do 22,72 por cento (1,5 millóns máis) respecto ao orzamento do ano anterior.

Dito aumento explícase, en verbas do goberno local, por contemplarse “destacados investimentos para o presente exercicio como a reforma da rúa Progreso (con máis de 800.000 euros de investimento) ou a rede de calor (195.706 euros), ambas as dúas en proceso de licitación”, explican. Tamén se inclúe a primeira fase de remodelación dos traballos centrados na casa da cultura para acoller o futuro consistorio, cunha achega de 964.000 euros.

Deste xeito, e con respecto ao pasado ano, o capítulo de investimentos reais aumenta en máis de 237%, pasando de 668.600 euros a máis de 2,2 millóns. No apartado de gastos, a partida de persoal sitúase en 2,3 millóns, o que supón o 26,73% do orzamento. Os gastos correntes en bens e servizos (3,3 millóns de euros) increméntanse lixeiramente nun 5%. A partida dos financeiros mantense.

Sube tamén a destinada a servizos sociais, sobre todo a dirixida ao comercio. Contémplase de novo unha partida de 73.000 euros para a Escola Infantil A Galiña Azul. No capítulo 6, de investimentos reais, recóllense achegas municipais a subvencións doutros organismos para realizar novas actuacións (130.599,40 euros) e o chamado Plan de Obras e Servizos (POS), con 106.500 euros. “Continuaremos apostando pola mellora e mantemento da nosa extensa rede viaria con outras actuacións puntuais tamén no rural que se sumarán a estas inversións”, engade o alcalde silledense, Manuel Cuiña.

En canto aos ingresos, “volve aplicarse a filosofía da prudencia e o rigor económico en base a liquidacións anteriores”, subliña o Concello. Así, en impostos directos está previsto recadar 2,1 millóns, un 0,6% máis que no último exercicio, e por impostos indirectos cóntase con percibir 80.000 euros. A.P.

TEMAS
Tema marcado como favorito
POS
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.