O Correo de Ordes-Arzúa
O Punto de Atención á Infancia de Trazo pechou inscricións con lista de agarda, e no de Tordoia están a facerse as preinscricións este mes // Dende primeira hora da mañá e ata entrada a tarde os nenos están atendidos con actividades TEXTO Alba Prada

Centros que son un salvavidas para os pais e nais do rural

  • 07 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Os Puntos de Atención á Infancia de Trazo e Tordoia levan sendo dende 2006, o primeiro, e 2015, o segundo, un salvavidas para todos os pais e nais con fillos menores de tres anos. A tranquilidade de saber que os nenos e nenas se atopan en boas mans dende primeira hora da mañá e ata ben entrada a tarde, non ten prezo. De aí que as prazas sexan tan codiciadas. “No caso de Trazo, o PAI aseméllase a unha escola infantil”, indica a directora e titora do PAI da vila, Laura Muíño. “Para o vindeiro ano xa cerramos as inscricións, e fixémolo con lista de agarda”, indica.

Laura e outra educadora, Antonia Fernández, son as encargadas de atender a vinte cativos e cativas (a cifra máxima permitida), e entre eles hai un bebé de seis meses. Ás 7.30 da mañá empezan a chegar os primeiros nenos, que toman xa alí o almorzo que traen da casa, ata a chegada do resto, que adoitan estar sobre ás 10.00. “Antes de entrar teñen que cambiar os zapatos, tomámoslle a temperatura e limpan as mans. O certo é que están moi concienciados”, conta a directora. “Tampouco poden traer mochilas, nin abrigos e o táper teñen que deixalo na entrada para desinfectalo”.

Unha vez se tomaron todas as medidas de seguridade, os cativos e cativas arrancan a xornada con actividades moi diversas. “Lemos contos, pintamos, facemos fichas, lóxica matemática ou psicomotricidade”. Incluso teñen clases de inglés os martes e xoves e de música os venres. Ás 11.00 horas é a pausa da merenda, e o momento no que Laura e Antonia aproveitan para acostumalos a comer de forma saudable. “Os luns toca froita, os martes lácteos, o mércores bocadillo, os xoves froita de novo e os venres é o día libre”. Logo, sobre ás 13.00 horas, unha parte dos pequenos e pequenas marcha comer á casa, e outros aínda quedan ata ás 15.30, iso si, despois do xantar, toca sesta.

O funcionamento do PAI do veciño Concello de Tordoia é moi similar. Aínda que neste caso, este mes estanse a facer as preinscricións, polo que os interesados están a tempo de pasarse pola sede do PAI para anotar aos cativos. A maioría dos nenos e nenas chegan ás 10.00 e antes de entrar na aula cambian os zapatos e desinfectan as mans. “Nós incluso mudamos a roupa e agora lavamos os mandilóns dos cativos aquí”, relata a directora e titora do PAI de Tordoia, Eva Vázquez, que conta coa axuda doutra educadora, Laura Grela. Unha vez feito o protocolo de seguridade, os nenos fan actividades musicais os luns, teñen contos os martes, psicomotrocidade os mércores, propostas temáticas os xoves e os venres é libre. “Unha das actividades que máis lles gusta é o taller de educación vial, no que teñen que sacar o carné de conducir”, explica Eva.

Fóra do cotiá, ás veces a cativada de ambos PAI teñen sorpresas como actuacións ou contacontos organizados pola Rede Cultural da Deputación. A pesar da COVID, o mundo dos pequenos non se parou. Eles son conscientes da situación a pesar da idade, pero é vital que socialicen e xoguen sen preocupacións.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.