O Correo de Ordes-Arzúa

Firme aposta para a mellora ambiental no sector dos áridos

As canteiras de Richinol e Arribeltz, en Melide, teñen axudas para controlar o po e o ruído

  • 30 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

As canteiras de Richinol e Arribeltz, ambas sitas en Melide, son beneficiarias das axudas da Xunta de Galicia para a loita contra as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e ao ruído, mediante a aplicación de tecnoloxías innovadoras e técnicas que poden mellorar a calidade do ambiente atmosférico. Ata o lugar desprazábase onte a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría.

Ditos incentivos impulsados desde a Vicepresidencia segunda e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, contan este ano cun investimento dun millón de euros e neste momento están en fase de resolución. “A convocatoria do pasado ano, facilitou apoios a un total de dez empresas do sector dos áridos que, ademais, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), poden beneficiarse tamén das axudas para actuacións de eficiencia enerxética ou para proxectos tanto de aforro como de enerxía fotovoltaica”, apuntan dende o Goberno galego.

No caso das canteiras de Richinol, ser beneficiaria desta liña de axudas permitiulle a instalación dun sistema de control de po baseado na atomización de auga con aire. E ás de Arribeltz substituír os actuais equipamentos de climatización das cabinas de control do proceso de transformación de áridos por outros de última xeración.

Durante o percorrido polas canteiras, Uría estivo acompañada por representantes da Asociación Galega de Áridos (Arigal), aos que agradeceu o importante traballo que están a levar a cabo na defensa dos intereses colectivos das empresas que se dedican á actividade de transformación industrial, fabricación e comercialización de áridos. Hai que destacar que esta organización foi creada no ano 1999 e o seu obxectivo foi e segue a ser apoiar aos empresarios en materias como a prevención de riscos laborais, o respecto polo medio, a capacitación técnica, a financiación, a promoción dos áridos e a cooperación, representatividade e interlocución ante as administracións. Hoxe Arigal converteuse en todo un referente en innovación, formación, internacionalización e seguridade laboral.

Neste sentido, quixo tamén destacar a participación da entidade no desenvolvemento da Estratexia Galega de Minería Sustentable, unha iniciativa que promove a Xunta de Galicia para orientar a actividade dos próximos anos cara un desenvolvemento económico, social e ambiental máis eficiente e racional.

A Xunta defende que un dos principias retos para o sector é “camiñar pola senda da modernización tecnolóxica, a innovación, e a economía circular”. Neste sentido, a introdución de instalacións innovadoras permite a mellora na calidade dos produtos e unha redución dos custos de produción.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.