O Correo de Ordes-Arzúa
Obradoiro da Historia incluíu a Consuelo García, Syra Alonso e Choncha Concheiro pola súa loita contra a ditadura // Tamén Isabel Zendal ten estampa propia, despois de levar a vacina da variola a América // Pódense pedir de balde TEXTO Marcos Manteiga

Lembran con selos simbólicos a catro mulleres claves para Ordes

  • 29 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A asociación Obradoiro da Historia volve a lembrar, mediante selos simbólicos, a persoeiros claves da comarca ordense. E nesta ocasión foi o turno para catro mulleres, Consuelo García Meixide, Syra Alonso, Choncha Concheiro e Isabel Zendal, auténticas baluartes contra a represión franquista, en tres dos casos, e unha sanitaria que foi fundamental na extensión da vacina contra a varíola.

Segundo o presidente de Obradoiro, Manuel Pazos, “os selos repártense de balde e poden pedirse por email” á dirección obradoirodahistoria@gmail.com, e a nova edición chega despois de que se fixera o propio con catro homes, tamén moi recordados polo seu activismo, e que foron Antonio Gómez Carneiro, Luís Porteiro Garea, Moncho Valcarce e Manuel García Gerpe.

Consuelo García, coñecida como Consuelo de Lata, nacía en Galegos (Frades), e foi asesinada en Senra (Oroso) o 18 de xaneiro de 1948, acusada de colaborar coa guerrilla antifranquista. Veciña da Grabanxa (parroquia de Calvente, Oroso), onde rexentaba unha taberna, foi detida, torturada e asasinada pola Garda Civil o 18 de xaneiro de 1948 en Ponte Arderís (Senra), acusada de colaborar coa guerrilla dándolle acubillo á partida de Manuel Ponte Pedreira. O seu home, Pedro García, tamén foi detido e estivo preso, acusado de colaborar coa guerrilla.

Outra das homenaxeadas foi Ascensión Concheiro García, Choncha Concheiro, natural de Ordes. Estudiou Maxisterio en 1931 en Compostela, onde coñeceu ao que será o seu marido, Francisco Comesaña, detido a comezos da Guerra Civil, que foi xulgado en consello de guerra e sentenciado a morte. Salvado de ser fusilado polo seu pasaporte cubano, foi condenado a cadea perpetua. Choncha casou por poderes en 1941, e tras conseguir a liberdade do seu marido en 1944, exílianse a Cuba e logo a México. Alí, formou parte da Asociación de Mujeres Españolas Mariana Pineda e participou en actividades do Padroado da Cultura Galega. Regresou a Tui despois de morrer Franco, en 1975, e, tras finar o seu home nesta vila pontevedresa, optou por regresar a México, onde faleceu aos cen anos de idade.

A terceira das mulleres que deixou impronta na comarca, e que ten selo propio, é Syra Alonso. Naceu na Coruña en 1899, emparellándose co artista Francisco Miguel alá polo ano 1920. Pouco despois comeza a axetreada vida de viaxes cos que recala en París e Cuba ate deterse nun México eufórico no que destaca a convivencia con David Alfaro Siqueiros e a poeta Blanca Luz Brum, algo que marca as súas vidas. Regresan a Galicia en 1933 e, despois do golpe de estado, deteñen e matan ao seu marido. Pois ben, foi en Tordoia onde se refuxiou e escribiu a primeira parte dos Diarios de Syra Alonso (Colección Mulleres, A Nosa Terra), que continuou no exilio mexicano.

E para rematar, a ordense cuxo nome volveu á opinión pública despois de ser nomeada filla predilecta, polo seu papel dende 1804 na expedición Balmis, e que propiciou un irmandamento con Veracruz, México, onde morreu despois da viaxe coa vacina no corpo duns rapaces. Naceu na aldea de Agrela, parroquia de Santa Mariña de Parada (Concello de Ordes) o 26 de febreiro de 1773. Faleceu en Puebla de los Ángeles, na colonia española de Nueva España, en Latinoamérica. Segundo lembran as crónicas, a finais do século XVIII, esta moza de orixe humilde superou as barreiras de clase e xénero para formarse como auxiliar de medicina e enfermería traballando no Hospital da Coruña. O doutor Balmis reparou na súa experiencia cos nenos, e incorporouna á viaxe.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.