O Correo de Ordes-Arzúa

Melide viviu o primeiro día das festas pasado por auga

A maioría das actuacións trasladáronse ao centro sociocultural Mingos de Pita // As xornadas festivas estenderanse ata o 21

  • 17 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Este martes comezaron as Festas de San Roque en Melide, e fixérono pasadas por auga. Despois da calor vivida nas últimas semanas, o chaparrón decidiu empaparlle o primeiro día de festa aos melidenses. Iso si: ese non foi motivo suficiente para amargarlles o día, pois ante o mal tempo sempre hai unha segunda opción, como trasladar todo a un sitio cuberto. O centro sociocultural Mingos de Pita foi o lugar escollido para desenvolver a maioría das iniciativas da xornada.

A pesar da choiva lograron saír tras o disparo de bombas de palenque os pasarrúas a cargo da Banda de Música de Arca, ás 11.00 horas, e do Grupo de Gaitas Herba Grileira, ás once e media da mañá.

Acto seguido, ás 13.00 horas, tivo lugar unha misa solemne na igrexa parroquial de Melide, que estivo amenizada pola Banda de Música de Arca, agrupación que volvería deleitar aos veciños e visitantes cun concerto no centro sociocultural Mingos de Pita ás 14.00 horas.

Os máis pequenos desfrutaron pola tarde no Pazo de Congresos da actuación A Casa do terror e a Coral Polifónica da vila, acompañada do Trío Moriatov e Suso Ascariz, deleitou á veciñanza cun concerto no centro sociocultural Mingos de Pita. A Banda de Música de Arca volveu actuar pola noite no mesmo espazo.

E xa ás 23.30 a orquestra Olympus pechou a xornada festiva no Cantón de San Roque. Esta vez a música puido escoitarse ao aire libre.

Este mércores continúa a celebración. Iso si: en caso de choiva poden facerse modificacións e o Concello irá avisando a través das súas redes sociais. En principio está previsto un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Antas de Ulla, un concerto da mesma ás 14.00 horas e ás 22.00, unha actuación infantil e, xa pola noite, porán punto e final ao día Festicultores Troupe Band e La Misión.

Xa o xoves 18 actuarán A Maristela, a Banda de Merza, o mago Dani Polo, a orquestra Los Satélites e Los Players. O festexo melidense estenderase ata o día 21, sendo a Banda de Música de Visantoña e a afamada orquestra París de Noia as que pechen as actuacións. Ao día seguinte, o martes 22, celebrarase na citada vila o Día do Neno.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.