O Correo de Ordes-Arzúa

Obradoiro da Historia cumpre vintecinco anos de traballo pola cultura de Ordes

Subtitulo

  • 28 mar 2021 / 19:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A Asociación Cultural Obradoiro da História é unha desas entidades que, de non existir, habería que inventalas para pór en valor a cultura, o patrimonio e a sociedade da comarca ordense. Ademais, pasa por ser unha das primeiras de carácter memorialística do país, e este mes celebra o seu 25 aniversario.

Segundo explica o seu presidente, Manuel Pazos, a asociación naceu oficialmente no mes de marzo do ano 1996, “cando un grupo de amigos decidiu organizarse e constituírse en asociación co obxectivo inicial de encher, dalgún xeito, o baleiro cultural crónico que padecía a comarca de Ordes e que as institucións políticas non se molestaban en atallar”. Outra das súas pretensións iniciais foi defender e dar a coñecer o patrimonio histórico, arqueolóxico e natural tantas veces ameazado, desprotexido e desprezado polos gobernantes locais daquela época.

As denuncias pola desfeita nese legado arqueolóxico (castros, medorras, camiños medievais...) e a publicación dos primeiros traballos de historia local xeraron unha expectación e admiración recíproca entre a veciñanza e o grupo de activistas que lideraban a asociación. E esta aceptación mutua levou a que os seus responsábeis aumentasen os seus obxectivos no eido da investigación e da divulgación da histórica local e doutros campos, como a Arqueoloxía, Etnografía, memoria histórica (historia contemporánea que abrangue desde a II República, golpe 1936, represión, guerrilla antifranquista, franquismo ou transición, entre outras).

“Xa en 1997 comezamos a investigar no eido do que posteriormente se chamaría memoria histórica, sendo esta asociación unha das pioneiras en Galicia”, di Pazos. E coa edición de dous cadernos sobre o tema, os ordenses poideron coñecer o acontecido durante a Segunda República, a represión do 36 e a loita da guerrilla antifranquista.

O núcleo da asociación estaba formado pola súa directiva: Manuel Pazos, Daniel Pereiro, María Souto, Begoña Pérez e Suso Louro e, paralelamente, contaba cunha rede de socios, distribuídos pola comarca de Ordes, e a colaboración dun grupo de empresas que patrocinaban as actividades, ante a falta de axudas institucionais, sobre todo, durante os primeiros anos de vida desta entidade.

Para tentar cumprir os obxectivos marcados, a asociación desenvolveu as súas actividades en tres campos (sobre todo durante as dúas primeiras décadas).

O primeiro deles é a edición de publicacións, que prolongouse ata o ano 2016. Os traballos foron distribuídos, maioritariamente de balde, e supoñían unha novidade na recuperación e difusión da historia local. Publicacións en forma de folletos tipo A3, que a xente coleccionaba. Por exemplo biografiouse a persoeiros descoñecidos da bisbarra, como Manuel García Gerpe, Nicolás del Río Castelo, Alfonso Senra Bernárdez, Manuel Lois García, Vicente Carnota Pérez, Antonio Francisco de Castro ou mesmo Moncho Valcarce. Logo xa publicarían en formato libro.

No que atinxe aos actos públicos –desenvolvidos tamén ata hai cinco anos–, fixeron posible un contacto directo cos veciños, alternando as ofertas: xornadas literarias, presentación de libros, conferencias, etc. Nas Xornadas Literarias (que mesturaban literatura e música) pasaron por Ordes persoeiros do nivel de Neira Vilas, Manuel María, Suso de Toro, Méndez Ferrín, Bernardino Graña... Tamén organizaron exposicións sobre temas etnográficos e da memoria histórica, todas con grande éxito de asistencia e interese. E non hai que esquecer a edición de Segrel, a revista literaria da Terra de Ordes.

E xa por último, está o apartado das denuncias. Esta entidade é pioneira na bisbarra por sinalar as agresións ao patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico e natural, denunciando ante as institucións pertinentes e con gran repercusión nos medios.

as claves
Activismo e directiva implicada

Marzo de 1996. Un grupo de amigos da comarca de Ordes decide reunirse e poñer en marcha unha asociación cultural ante o baleiro cultural da zona. Ese ano publican a primeiraobra: ‘Os Camiños de Oroso’.

1997 e seguintes anos. Comezan a gañar sona entre a veciñanza e boa parte da contorna compostelá pola súa defensa do patrimonio, incluíndo denuncias polas desfeitas arqueolóxicas. Tamén publican traballos poñendo en valor a historia local, e no ano 1997 profundizan na memoria histórica, un eido no que o seu activismo foi sempre máis que meridiano.

Presidencia. Manuel Pazos pasa por ser (e aínda o é) o tradicional presidente de Obradoiro da Historia. Diplomado en Maxisterio pola USC e especialista universitario en Arquivística pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), a súa paixón pola cultura, arte e patrimonio locais fan del un referente a nivel galego.

2016-2021. Na etapa actual céntranse na edición e produción de traballos de investigación histórica, aumentar fondos da Colección de Arte Contemporánea e a constitución dun Museo da Historia en Oroso.

Un museo no colexio de Sigüeiro e colección de arte contemporánea
A entidade ordense tamén forma parte da Iniciativa Galega pola Memoria Histórica

Ordes. Obradoiro da Historia segue activo, e estes últimos cinco anos dedicounos basicamente a editar e producir traballos de investigación histórica, sobre todo no campo da Memoria Histórica, como membros da IGM (Iniciativa Galega pola Memoria); a aumentar os fondos da Colección de Arte Contemporánea e constituir un museo de historia no CEIP de Sigüeiro, en colaboración con ese colexio e o Concello de Oroso.

No que atinxe ao citado museo, vai contar con seccións de Etnografía, Arqueoloxía, Fotografía e espazo escolar, mentras que a Colección de Arte Contemporánea da cultural, creada en xaneiro de 2018, vén dando os seus primeiros pasos para achegar a arte pictórica dos grandes autores galegos coa constitución dunha compendio propio de creacións artísticas.

Inicialmente, a colección será xestionada pola AC Obradoiro da História, “mais non se descarta crear unha asociación ou fundación privada para a súa conservación e difusión”, aporta Pazos.

O obxectivo pasa por despertar “o interese pola arte, así como incrementar o patrimonio cultural na comarca. A arte ao noso alcance, ninguén terá que sair da comarca para ver obras dos grandes artistas galegos”, continúa. De calquer xeito, e debido a que se trata dun proxecto totalmente altruísta, “solicitámoslle xenerosamente a doazón dunha obra aos autores (pintura, debuxo, caricatura...), aínda que hai a posibilidade de compra, de pago dos materiais...”, apunta o responsable da entidade manifestando tamén a súa intención de mercar “obras orixinais dos artistas de renome falecidos, caso Laxeiro, por exemplo”.

Entre outros autores tamén hai orixinais de Luís Seoane, Alfonso Abelenda, Xaquín Marín, Carrabouxo, Pedro Bueno ou Nolo Suárez.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.