O Correo de Ordes-Arzúa
A Xunta xa ten revisado e redactado un novo proxecto para ampliar o servizo na aldea melidense e que chegue ás vivendas que faltan // As obras de ampliación teñen un prazo de dous meses // O investimento total é de 134.000 € TEXTO C. Estévez

Saneamento en todas as casas da parroquia de Santa María

  • 23 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

A parroquia de Santa María de Melide conta cunha serie de vivendas que carecen dun servizo axeitado de saneamento. Co obxectivo de solucionar o problema a Xunta de Galicia xa ten redactado e supervisado outro proxecto para ampliar a rede da aldea (uns traballos que suporán unha achega autonómica de 8.500 euros). En total, os labores para dotar de saneamento a Santa María implican un investimento próximo aos 134.000 € (dos cales 126.000 xa foron investidos na rede).

Así o trasladou onte a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o resultado dos traballos levados a cabo pola Xunta para dotar do antedito servizo ás vivendas e edificacións por ambas as marxes da estrada N-547 nesta contorna.

Vázquez Mourelle explicou que as obras, xa executadas, e entregadas o pasado mes de xullo ao Concello para a súa conservación e mantemento, “supuxeron un investimento superior aos 126.000 euros e contaron co cofinaciamento dos fondos europeos Feader 14-20”. A execución consistiu na construción dun sistema de algo máis de 1,4 quilómetros de lonxitude que recolle as augas residuais urbanas das vivendas que carecían deste servizo, para ser conducidas ata a rede de saneamento existente na parroquia, e que acaba nun bombeo que impulsa ás residuais cara á depuradora do municipio melidense.

A conselleira quixo recordar que o inicio destas obras se demorou por mor da adaptación do proxecto inicial aos condicionantes introducidos polo Ministerio de Transportes para afrontar o problema de cota das vivendas situadas na parte inicial do colector da marxe esquerda. Ao comezo estaba previsto a súa conexión por gravidade. A execución dos traballos que tratan de resolver o contratempo desa parte da veciñanza que non ten un saneamento en condicións, conta cun prazo de execución previsto de dous meses e permite realizar por gravidade a conexión das vivendas que restan. “Esta nova rede de saneamento conectaría co colector xa executado na actuación previa”, sinala a conselleira. Ethel Vázquez trasladoulle ao Concello a vontade de cooperación da Xunta no financiamento da ampliación da rede para conectar ao saneamento as casas da parroquia de Santa María que faltan, para o que sería necesario a sinatura do correspondente convenio.

A titular de Infraestruturas tamén puxo en valor “o importante apoio ofrecido pola Xunta ao Concello de Melide, desde o punto de vista técnico, administrativo e, sobre todo, económico, no desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento e depuración para garantir a prestación de mellores servizos aos veciños”. Lembrou asemade que a depuradora municipal está a ser xestionada a través de Augas de Galicia desde o ano 2007 e que a Xunta leva destinado máis de 2,8 millóns de euros ao mantemento e explotación desta infraestrutura.

Finalmente Vázquez aproveitou tamén a visita á vila para recalcar que en todo momento o Goberno galego lle amosou á Corporación municipal total disposición para remediar os problemas dos vertidos no río Furelos.

A PROTAGONISTA
“COMPROMISO COS VERTIDOS NO FURELOS”
Ethel Vázquez
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

Durante esta visita Ethel Vázquez aproveitou para lembrar “o cumprimento do compromiso por parte da Xunta de apoio técnico ao Concello de Melide para solucionar o problema de vertidos contaminantes ao río Furelos, derivado dos vertidos procedentes do polígono industrial, que ten motivado xa varios expedientes ao goberno local”, sinalou.

Vázquez asegura que a finais de decembro entregóuselle á Corporación municipal o proxecto de conexión das augas residuais do polígono da Madanela coa depuradora municipal, iniciativa que supuxo un investimento do Goberno galego de 16.000 euros. Segundo explicou a conselleira, “a actuación proxectada permite a execución das obras por parte do Concello, amosando a Xunta a súa disposición a confinanciar un terzo da actuación, a partes iguais con Concello e Deputación”.

{ A OLLADA }
Apostar
polo rural
C. Estévez

é toda unha alegría constatar como pouco a pouco se van solucionando os problemas básicos que presenta o rural, e que en gran medida, son os causantes de que a mocidade decida facer a súa vida nas cidades e fuxa das aldeas, nas que en moitos casos creceron. O saneamento é dende logo básico e a súa falta aínda se pode apreciar en moitas parroquias da área compostelá. Con todo, o importante é ver que entre a Xunta e os gobernos locais van dotando deste servizo a todas as viviendas dos municipios. Aínda quedan, non obstante, grandes trabas que separan aos pobos das cidades como é a fibra óptica, outro servizo que reclaman os alcaldes dos pequenos concellos, posto que actualmente é tan básico como o propio saneamento.

TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.