Firmas

A hora de Cataluña

    • 03 feb 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    AS eleccións catalás do próximo 14 de febreiro non terán lugar no mellor escenario posible como consecuencia da pandemia pero estou profundamente convencido de que a súa celebración non admite demora.

    Despois de dez anos marcados pola desunión e o desgoberno, é fundamental que a segunda comunidade de España en xeración de riqueza recupere o seu rumbo, e ese rumbo non pode ser outro que o do reencontro entre cataláns e o da propia Cataluña co resto do país.

    Cataluña ten na súa man apostar por un tempo novo de estabilidade e diálogo no que os problemas reais dos cataláns volvan a estar no centro do debate. O emprego, a sanidade pública e os avances sociais merecen ocupar de novo espazo na axenda política e na da sociedade catalá. A propia comunidade e os cataláns e catalás deben darse a oportunidade de volver a ser unha referencia para o conxunto do Estado en materia de benestar e no desenvolvemento de políticas de innovación.

    Dicía que a celebración das eleccións non admite demora porque cada día que pasa sen falar dos problemas reais dos cidadáns ou do que a comunidade pode aportar, increméntase a sensación de fracaso, de estar nun bucle infinito no que os partidos independentistas parecen non ter aprendido leccións tras esta década de fracasos.

    Estou convencido de que a sensación de cansanzo respecto ao tema catalán na que se atopa a maior parte da poboación de España afecta tamén aos propios cataláns tras anos de hipermobilizacións e verase reflectida nunha baixada da participación que se sumará á propia derivada da celebración das eleccións en plena pandemia.

    Porén, e a pesar da situación sanitaria, a celebración destas eleccións é crucial e urxente para poder recuperar unha Cataluña activa, referente en España e implicada nos avances sociais e na modernidade. Mais o verdadeiramente relevante é facelo mirando cara adiante, dende o diálogo, o talante, o respecto á legalidade e non dende o desquite ou a xenreira.

    Atreveríame a dicir que a Cataluña que sae desta etapa de desgoberno faino ferida e que o que precisa, neste intre por riba de todo, é reencontrarse a si mesma e co resto do Estado. Precisamos unha Cataluña orgullosa, reivindicativa na defensa dos seus intereses pero sempre no marco dunha España federal na que todas as comunidades sumamos e enriquecémonos mutuamente.

    Tema marcado como favorito