Firmas

A nosa conexión con Europa e Portugal

    • 31 ene 2023 / 06:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Os nosos principais retos de futuro no eido das comunicacións por camiño de ferro son conectar os nosos portos e os nosos centros produtivos co corredor europeo atlántico e rematar a conexión ferroviaria que una o eixo atlántico galego portugués: dende Ferrol e A Coruña até Lisboa e Sétubal, pasando por Compostela, Arousa, Pontevedra, Vigo, Braga e Porto.

    O presidente Rueda canda os xefes dos gobernos asturiano e castelán-leonés ven de asinar o 27-X en Compostela unha declaración institucional a prol do corredor atlántico europeo de mercadorías que seica chega tarde e reclama esta fulcral infraestrutura con moi pouca definición, malia o potente atrezzo desenvolvido no compostelán Pazo de Congresos. Porque os tres Presidentes fallaron na concreción dun programa concreto e temporalizado de investimentos. Seica o Presidente asturiano Barbón contribuiu tanto a rebaixar substancialmente o grao de esixencia de compromisos investidores concretos como a amosar un suposto apoio do Presidente do Goberno do Estado coa nova do nomeamento do comisionado estatal para o corredor atlántico.

    PP e PSOE non consideraron no 2013 que esta infraestrutura fose precisa, probábelmente posuídos pola tortícole unidirecional do AVE.. A infraestrutura non foi aprobada pola Unión Europea até 2019, logo dun acaído traballo de concienciación e mobilización no que salientaron Ana Miranda (BNG), Luis Villares (antigo referente de En Marea) e Alexandra Fernández (daquela voceira de En Marea no Congreso, hoxendía deputada galega do BNG). Mais perdimos a oportunidade de obter financiamento europeo até 2027 pola inacción estatal.

    O Corredor Atlántico dálle sentido á conexión ferroviaria dos nosos portos (que lle gañan en máis de dous días de navegación aos do Mar do Norte e Canle británica a respecto da América) e ao Porto Seco de Monforte de Lemos, para vertebrar unha vía de mercadorías A Coruña-Compostela-Vigo-Ourense-Monforte-León-Venta de Baños á que axiña habería de se lle engadir as de A Coruña-Betanzos e Ferrol-Betanzos para seguer até Lugo e Monforte, ao mesmo Porto Seco.

    Mais cómpre lembrar a necesidade de non esquecer a conexión ferroviaria do sur de Vigo, que poida unir o noso eixo atlántico de velocidade alta coa alta velocidade portuguesa. O Goberno do Estado prioriza a conexión Lisboa-Madrid, mais Galicia conta para este obxectivo co amplo apoio de Portugal. Porén, aí non teremos máis aliados no Estado ca nos propios.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.