Firmas

A pandemia dos pobres

    • 02 ago 2020 / 00:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    SEGUINDO o pensamento escrito do sociólogo polaco Z. Bauman, en Liquid Times. Living in an Age of Incertainty, 2007, atopeime cunha ampla predición da realidade do acontecer histórico global da actualidade. A apertura da sociedade aberta ten adquirido un novo matiz, co que Karl Popper, que acuñou a expresión, xamais soñou. Agora igual que antes, remite a unha sociedade que se sabe incompleta, pero sinala tamén unha sociedade impotente para determinar o seu curso cun mínimo grao de certeza, e para manter o rumbo escollido unha vez tomada a decisión.

    Produto valioso no seu momento, anque fráxil, da prezada e anguriante autoafirmación, o atributo da apertura case sempre asóciase nos nosos días a un destino inexorábel; cos efectos secundarios, imprevistos e non planeados, da globalización negativa: unha globalización altamente selectiva do comercio e o capital, a vixilancia e a información e a coacción.

    Si nun principio a idea dunha sociedade aberta representou a autodeterminación dunha sociedade libre e orgullosa da súa apertura, hoxe evoca a experiencia aterradora dunha poboación heterónoma, desventurada e vulnerábel, oprimida e contaminada por unha brutal e global pandemia que se converteu na crise de saúde mundial máis rápida, unha pandemia que mata aos probes se ben a desigualdade aínda matará máis.

    Para os 2.500 millóns de persoas que sobreviven co equivalente apenas de cinco dólares diarios, o impacto da covid-19 pode ser e é funesto. E en setembro de 2019, a propia OMS advertiu: o mundo está nun grave perigo de padecer devastadoras epidemias o pandemias de enfermidades rexionais ou mundiais que non só causen a perda de vidas, senón que destrúan as economías e creen un catastrófico caos social.

    O coronavirus non é unha pandemia global que afecta a toda a poboación dun xeito igual, senón que vén incrementar aínda máis as enormes desigualdades sociais xa existentes. A covid-19 reúne as condicións dunha pandemia da desigualdade. Ata dentro duns meses non teremos análises precisos, pero esta pandemia constitúe unha grave ameaza para a poboación obreira e de barrios populares de grandes cidades. A pandemia devasta aos pobres do mundo.

    Ata o intre, a maior parte do número mundial oficial de mortes rexistrouse nos países ricos, pero iso podería comezar pronto a cambiar si dispuxéramos dos datos e análises apropiados para saber o número de contaxiados nos países más pobres.

    Nas últimas semanas vimos os primeiros casos confirmados de covid-19 nos barrios marxinais más grandes do mundo. Todo elo podería producir un enorme caos social, centos de miles de persoas desesperadas e un incremento na inxente cantidade de emigrantes. Cando teñamos datos fiables poderemos valorar os efectos reais da pandemia en canto a mortalidade e morbilidade, e será posible comparar seus efectos entre países e entre grupos sociais, pero hoxe podemos dicir que as desigualdades en saúde son a enfermidade da nosa época, nosa principal pandemia.

    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.