Firmas
Recital de Amancio Prada

A voz no corazón

    • 26 jul 2022 / 19:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    As rosas brancas alfombraron os pés de Amancio no remozado auditorio da Casa de Rosalía. Ximena leva 47 anos, 6 meses e 11 días facendo esta ofrenda floral ao cantor da poeta do Sar. Un arco de luz acollía a negra figura do artista que se acompañaba da súa guitarra. Como chove miudiño agromou da súa garganta, a primeira canción que fixo de Rosalía, para seguir con Nasín cando as prantas nasen, composición recente que xa aparece na reedición do disco Resonancias de Rosalía (2021). A roupa pégase aos corpos mentres as cancións anegan as almas cando chega o intre da emigración. “Pra Habana é a composición máis importante que fixen de Rosalía”, indica Amancio, que coloca os seus dedos sobre as tres primeiras cordas do instrumento e finaliza co dístico “Viudas de vivos e mortos / que ninguén consolará”. Lembrou tamén que con esta canción gañou un festival en Alar del Rey (Palencia) en 1969, permitíndolle mercar a súa primeira guitarra cos cartos do premio.

    A voz no corazón

    A emoción palpita entre o público, que ateiga o auditorio, porque Amancio Prada nunca fai un recital igual. Os versos sáenlle do peito a través dunha elegante voz que recorre con eficacia a escala musical. A súa mestría e pulcritude coa guitarra, cuxos graves coa man esquerda soan ingrávidos, indican moito ensaio. A destreza do rasgueo continuo coa man dereita envolven música e voz, producindo unha expresión excelente. Os arados van e vén dende Padrón a Belén entre evocadores asubíos. Non falta a Salutación elegíaca a Rosalía de Castro, obra de Federico Garía Lorca, que tamén musicou, destacando o artista a “profunda admiración” que Lorca sentía por Rosalía.

    Sentimentos que erizaron a pel chegaron coa cita rosaliana: “Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas; como los árabes en el desierto y el pirata en el mar. Libre es mi corazón, libre mi alma, y libre mi pensamiento, que se alza hasta el cielo y desciende hasta la tierra, soberbio como el Luzbel y dulce como una esperanza”. Palabras amarradas á canción Adiós ríos, adiós fontes para maior goce dos asistentes. Aínda que o cumio se ergue co bis Campanas de Bastavales, que a xente corea con gusto afinado xa en comuñón co artista. A prolongada ovación en pé testemuña a “maxistralidade” da voz rosaliana, tal como a cualificou Silvia Penas na súa presentación. Entre tanto, Loliña Mosquera –filla de Xosé Mosquera Pérez, un dos principais impulsores da Casa de Rosalía– aplaudía igualmente emocionada: “Este home ten no corazón a voz”.

    Tema marcado como favorito