Firmas

As Isabeles

    • 17 abr 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    MOITO se fala estes días da última Isabel de Castilla, a señora Díaz Ayuso. Dicía Pepé Pastoriza (nas remotas horas do maio do 68) que España sen Isabeles non ten historia: aquela primeira Isabel que montaba tanto coma Fernando, aquela segunda Isabel que montaba a tantos... Aquí unha Isabel tanto che pode montar un imperio coma unha bacanal.

    E mira ti por onde me acordo agora de Pepé Pastoriza, que estudou Historia en Santiago a rente aquel famoso maio do 68 tan cheo de poesía política. Por alí andaba daquela unha gandallada de mozos corridos polos “grises” (verba documento), que despois acabaron sendo ministros, presidentes de gobernos autonómicos, reitores de universidade, e outras cousas aínda máis horrorosas. Pero o único xenio xeracional era Pastoriza. Quen se acorda del. Unha tardiña, tamén moi remota, Pepé escachou todos os seus osos (que delgado estaba) nun accidente de coche. Creo que aínda non cumprira trinta anos.

    De Pastoriza quedoume na memoria estoutro dicir: “O sentido menos común non é o sentido común, senón o sentido histórico”. De primeiras pareceume unha sentencia pedantuela das súas, porque naquela hora tardofranquista os horizontes estaban tan en flor de futuro democrático que non nos facía falta sentido histórico.

    Evoco a Pepé e véxoo saíndo da facultade cara ao repouso ritual entre as tazas brancas do Gato Negro. Alí, moi escénico, dicía que a carreira de Historia era a máis importante. “As demais son subespecies”. Ao lado de Pastoriza os seus compañeiros de facultade parecían mozos de cuerda da Historia. Para el estudar esta materia era unha sensualidade, unha erótica da cultura na que nin sequera debía faltar o xogo do que puido ter sido e non foi.

    Boleros deste sabor: en vez montar tanto coma Fernando de Aragón (gran montador), mellor nos sería que Isabel de Castilla tivese montado nalgún dos outros moitos noivos que a tentaban: don Carlos de Valois, don Carlos de Portugal... Ai, se Isabel tivese montado nun príncipe portugués. Outra sería agora a lingua que falarían os galegos. Que grande aforro filolóxico. Que grande aforro en poetisas para o Día das nosas Letras. Que grande aforro en apuntamentos lusófonos!

    As Isabeles desta nación de nacións ás veces non saben con quen montar nin con quen cantar o bolero da Historia. Porque non vale calquera cantante nin calquera Cantó, coma ese que lle canta a Ayuso en Madrid. Mellor lle iría a Isabel cun cantor portugués que lle saiba cantar, por exemplo, un Amar pelos dois (o bonito “bolero” de Sobral, triunfante en Eurovisión), que un lusista ilustrado traduciu por Amar polos pelos.

    Pois iso é o risco que poden correr as mulleres que chegan ao poder: que os seus cantantes soamente as amen polos pelos. E polas pelas.

    Tema marcado como favorito