Firmas

Biden, outra vía porén con idénticos obxectivos

    • 10 dic 2020 / 00:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    Que con Biden vanse dar cambios nos Estados Unidos en relación coas políticas de Trump é mais que evidente, se non fose así non se comprendería a dimensión do conflito político que está a causar a non aceptación por Trump da derrota. Para alén da actitude persoal do ex-presidente, e da división existente no povo estadounidense respecto de determinados temas como a inmigración, feminismo, ecoloxía, cuestión racial, e sobre todo a deslocalización do sector industrial... hai un xeito diferente de ollar e confrontar a globalización neoliberal. Esta non ten igual repercusións segundo cal sexa a fracción afectada do capitalismo desta potencia imperialista.

    Daquela que Biden pretenda recobrar o “multilateralismo”, na procura de conseguir aliados para illar a China e Rusia. Un camiño distinto ao de Trump, que utilizaba as sancións e intervencións unilaterais, tamén en relación cos aliados. Aínda que os obxectivos son idénticos: manter o dominio do mundo de Estados Unidos, como repiten por activa e por pasiva republicanos e demócratas. Non é casual que a UE, hai pouco claramente confrontada con Washington pola estratexia diante de Iran e China, propoña agora a Biden unha fronte común para frear a Pequín, buscando recobrar unha asociación privilexiada con USA axudándoa manter súa hexemonía.

    De todo os xeitos os cambios nas cuestións medulares serán moi calculados, daquela que polo momento o novo presidente non estea disposto a eliminar ou reducir as sancións impostas por Trump a China, e condicione manter o acordo nuclear con Iran a modificacións (lease cesións) por parte de Teherán. Pensemos ademais que, para alén da presión interna que vai exercer o trumpismo (a estrema dereita) para evitar cambios nas políticas impulsadas durante seu governo, na práctica ou na mensaxe, esta tendencia impuxose en varios países (India, Brasil, Israel, monarquías do Golfo, etc.) e colleu corpo político mesmo dentro da Unión Europea.

    Tamén está presente no Estado español, non só a través dun partido como VOX, senón de sectores do poder xudicial, do exército e dos corpos de seguridade. A carta duns 300 militares da reserva, a politización da sentenza aos presos políticos cataláns e querer dar un escarmento coa súa execución, son temas que non se deberían minivalorar, xa que evidencian a esencia antidemocrática, negadora da pluralidade en todos os ámbitos, desde o sexual até o nacional, cultural e lingüístico,... e que contan con poder en certas áreas do Estado.

    Sen dúbida o novo governo dos Estados Unidos será máis sensíbel, cando menos nas formas, a manter unha actitude menos retrograda en temas como as migracións, a ecoloxía, a igualdade de xénero e raza, e a buscar un maior sustento nas accións internacionais. Mais os governos de Clinton e Obama amosaron que as políticas laborais non serán máis progresistas, que se expulsou a un maior número de inmigrantes “ilegais” dos Estados Unidos, e que foron normais as incursións armadas no exterior, lembremos os ataques en Siria e Libia, por só poñer dous exemplos.

    Agora ben, mesmo que os cambios previstos e esperábeis en USA sexan menores que os necesarios, a situación actual non é a de hai catro anos. Neste período abríronse feridas entre os países asociados co imperialismo hexemónico e agrandáronse no seu interior, fortaleceuse a economía de China e no militar Rusia, creceron as potencias rexionais, aumentaron e fixéronse duradeiras no tempo as mobilizacións sociais na América Latina e noutras partes do mundo, e sobre todo, a globalización neoliberal perdeu prestixio como modelo económico e social. É asi porque está unida ás crises, desigualdade, migracións masivas, especulación, desfeita ecolóxica, sancións e guerras destrutivas. Os demócratas, Biden, as grandes corporacións internacionais, poden querer retroceder o reloxo da historia a hai catro anos atrás, porén pasaron moitas cousas, que atinxiron todos os aspectos da vida das persoas, e iso non se borrará tan doadamente da memoria colectiva.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    Tema marcado como favorito