Firmas

Bonecas e racismo

    • 19 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

    HAI uns días vin unha noticia na televisión onde presentaban a Ken, o noivo da Barbie, como un boneco actual e adaptado ás novas realidades e ás distintas circunstancias de nenos e nenas. Á parte doutras consideracións nas que non me vou deter, o certo é que agora podemos mercar un boneco negro, branco, con pelo afro, liso, en cadeira con rodas, con ollos de cores distintas... e veume á mente a miña primeira Nancy, aquelas bonecas que estiveron tan de moda nos anos 80.

    Eu devecía por unha e, por fin, tras un accidente de tráfico, meu pai chegou ao hospital cun agasallo: a desexada Nancy. No mesmo intre en que a vin, caeume a alma aos pés e os ollos enchéronseme de bágoas. Era negra!!! As bonecas para seren bonitas debían ser loiras, branquiñas e con ollos claros, non negras. Ao final, direivos que aquela amiga de convalecencia, se converteu na miña boneca favorita.

    No parte, tamén informaron de que o Concello de Minnesota aprobou pagarlle unha indemnización de 27 millóns de dólares á familia dun mozo negro falecido no mes de maio, como consecuencia da brutalidade policial, e lembrei unha parella de psicólogos estadounidenses, Kenneth Brancoft Clark e Mamie Phipps Clark, que nos anos 40 estudaron as actitudes dos nenos e das nenas sobre a raza.

    Iniciounos Mamie con estudos como O desenvolvemento da conciencia de si mesmo e a aparición da identificación racial en nenos negros en idade preescolar; posteriormente, xa como matrimonio foron afondando no tema e perfeccionando as súas probas. A máis coñecida é a Doll test onde empregaban catro bonecas, dúas negras e dúas brancas, para a súa investigación. Nenos entre tres e cinco anos contestaban preguntas como: cal che parece máis bonita?, que boneca che parece máis mala?, con cal quedarías?, cal se parece a ti?... Os resultados sorprenden e emocionan a quen vexa o vídeo da proba realizada, aínda hoxe en día.

    Podemos pensar que se trata de actitudes do pasado pero resulta que os resultados dos niveis de marxinación percibidos polos nenos afroamericanos dos anos 40 son, sorprendentemente, semellantes aos resultados obtidos replicando a mesma proba con nenos mexicanos no 2012 ou italianos no 2016.

    Pasan os séculos e constatamos grandes avances sociais pero, tristemente, continuamos loitando contra prexuízos e discriminacións por mor da raza, do sexo, da lingua, do país de orixe... Como dicía Albert Einstein é máis difícil desintegrar un prexuízo ca un átomo. Difícil é pero... imposible? O futuro construímolo nós.

    Tema marcado como favorito